O alcalde Gonzalo Jácome destaca a relevancia desta axuda, unha das de maior contía na historia do Concello, que permitirá desenvolver actuacións “moi importantes” na cidade
O Concello de Ourense obtén unha subvención de 8,7 millóns de euros para executar proxectos de mobilidade, infraestruturas e medio ambiente na cidade. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou esta mañá no Pleno ordinario do mes de outubro, que o Concello recibiu a comunicación desta importante achega económica, por parte do goberno estatal, a través do Plan EDIL, con cargo a Fondos FEDER.
A axuda dará apoio a proxectos como os de humanización das rúas Doutor Fleming e Bonhome, a instalación de ramplas mecánicas na Rampla de Sas e na rúa Vasco Díaz Tanco (barrio da Cuña), a posta en marcha dun elevador da rúa Amor Ruibal, o proxecto medioambiental “Rúas verdes”, orzamentado en 2 millóns de euros, ou a renovación da iluminación pública, por importe dun millón.
O alcalde valorou moi favorablemente a obtención desta axuda económica, unha das de maior contía recibidas na historia do Concello, e destacou a relevancia das actuacións “moi importantes” que se poderán desenvolver na cidade en materia de mobilidade, infraestruturas e medio ambiente. Pérez Jácome subliñou a calidade do proxecto presentado polo Concello de Ourense nunha convocatoria de ámbito estatal na que “quedamos moi arriba para a poboación que temos”. O a
Resolución da Dirección de Fondos Europeos
O Concello recibiu estes días a resolución, do 1 de outubro de 20225, da Dirección Xeral de Fondos Europeos, pola que se resolve provisionalmente a convocatoria para a asignación de senda financeira a plans de actuación integrados de entidades locais, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo esta resolución, o Concello recibirá unha contía total 8.730.304 euros de fondos FEDER, que suporán un cofinanciamento do 60% do custo total da execución dos proxectos, cuxo orzamento total ascende a 14.550.506 euros.
Plan de actuación integrado “Ourense verde e conectado”
O Plan de actuación integrado elaborado polo Concello, co título “Ourense
verde e conectado”, abrangue un total de 11 actuacións recollidas en 2 proxectos diferentes:
- O proxecto “Ourense conectada” inclúe as actuacións de:
– Humanización das rúas Doutor Fleming
– Humanización da rúa Bonhome,
. Mellora da mobilidade vertical na Rampla de Sas,
– Mellora da mobilidade vertical na rúa Amor Ruibal
– Mellora da mobilidade en Vasco Díaz Tanco, e
– Programa socio-cultural de cohesión e gobernanza.
- O proxecto “Ourense verde, rúas verdes” inclúe actuacións de:
– Renaturalización da cidade,
– Barrios verdes: percorridos verdes a nivel de barrio e vida social e mellora da seguridade, eficiencia, accesibilidade e áreas infantís;
– Rúas e prazas verdes: sombra para camiñar e máis biodiversidade e Mellora da seguridade, eficiencia, accesibilidade e áreas infantís,
– Programa Barrios verdes (carácter saudable), e
– Programa: a cidade verde (carácter ambiental)