O Concello de Ourense ofrecerá en directo a través da súa páxina web e da aplicación móbil a xeolocalización da Cabalgata de Reis que este domingo, día 5 de xaneiro, terá lugar na cidade de Ourense.
As persoas interesadas poderán seguir en directo sobre un mapa da cidade onde se atopan en cada momento os Reis Magos. Para isto, só terán que acceder a GISou, xa sexa mediante a páxina web (https://gis.ourense.gal) ou da aplicación móbil oficial do Concello.
Os Reis Magos e a súa comitiva, formada por unha vintena de grupos de animación e carrozas, sairán ás 18.00 horas desde a estación de tren e avanzarán pola rúa Xesús Pousa, a Ponte do Milenio (sen público), o Pavillón dos Remedios, a rúa do Progreso, a Alameda e a rúa Doutor Marañón (sen público), ata rematar na Praza Maior, onde terá lugar a Recepción Real.