O concelleiro de Educación, Armando Ojea, visitou esta mañá o CEIP Mestre Vide a primeira das actividades de Dobraxe na Escola
O concelleiro Armando Ojea asistiu esta mañá no CEIP Mestre Vide ao inicio do curso Dobraxe na Escola, unha actividade enmarcada no programa de Animación á lectura da área de Educación. Participan nesta actividade 224 nenos e nenas de 6º curso de Educación Primaria (11-12 anos) de 5 centros de ensino público e concertado da cidade.
A técnica da dobraxe en xeral, e concretamente nas películas de animación, é unha ferramenta que, ademais de ser capaz de captar a atención dos nenos e nenas, incide sobre aspectos básicos da comunicación oral: cadencia, ritmo, intención… Coa axuda de dous actores de dobraxe profesionais, Suso Pando e Manuel Pombal, na aula traballaranse tamén aspectos coma a concentración, a empatía e o traballo en equipo. Pero a intención desta actividade tamén quere ser motivadora, para que os participantes se divirtan na nosa lingua.
Para iso, os monitores fan un xogo dramático no que contan todos os pasos da creación dunha película, desde a elaboración do guión ata a dobraxe da mesma. Acto seguido, ensaian entre todos un fragmento da película, aprendendo a encaixar as propias voces nas bocas dos personaxes. Coa dobraxe programada, os actores de dobraxe len o guión, ensaian, axustan e… a gravar!



