O Concello pide a colaboración dos condutores e intensificará o control dos aparcamentos indebidos en paradas de autobús

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Ourense solicita a colaboración dos condutores e avanza que intensificará o control dos aparcamentos indebidos de vehículos privados nas paradas do servizo de autobús.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, advertiu esta mañá que durante os últimos días están a aumentar os casos de condutores que utilizan indebidamente as paradas de autobuses para deter vehículos privados coa finalidade de realizar algunha xestión ou levar a cabo traballos de carga e descarga. Esta práctica, que vulnera a ordenanza de tráfico, prexudica de forma directa o funcionamento do servizo de transporte público municipal, coas conseguintes molestias e atrasos para os milleiros de veciños que o utilizan cada día nos seus desprazamentos.

Así, o alcalde solicita a colaboración cidadá e avanza que o Concello intensificará o control do uso destes espazos e, de ser o caso, impoñerá as sancións que correspondan a quen vulnere a normativa. Nos últimos días, estase detectando esta problemática tanto nas paradas novas como nas xa existentes, como nas rúas Concello, Pardo de Cela e Francisco Lloréns ou no barrio da Ponte, entre outras. Son, subliña o rexedor, “comportamentos incívicos que debemos frear, xa que prexudican o ben común e afectan a moitísimas persoas, polo que deberemos poñer máis enerxía no seu control”.

Comparte este artigo