A Xunta de Goberno Local, a proposta da Alcaldía, acorda recorrer a sentenza do xulgado do contencioso, favorable á empresa
Pérez Jácome lembra que o contrato procede da etapa de goberno do BNG na área de Deportes do Concello: “daqueles fangos veñen estes lodos”
A Xunta de Goberno Local abordou 18 asuntos na sesión desta mañá
O Concello de Ourense podería ter que indemnizar con 300.000 euros a empresa concesionaria dos centros deportivos de Eiroás e Oira polos prexuízos económicos que lles ocasionou o peche da súa actividade durante a pandemia da COVID-19. Así o determina o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense nunha sentenza que estima o recurso presentado pola empresa.
A Xunta de Goberno Local deu conta esta mañá da sentenza, e acordou recorrela, de acordo coa proposta formulada pola Alcaldía. A resolución xudicial declara a imposibilidade temporal de execución do contrato desta concesión administrativa, no período comprendido entre o día 13 de marzo e o 21 de xuño de 2020 como consecuencia da situación de feito creada pola COVID-19 e das medidas adoptadas polas diferentes administracións para combatelo, nomeadamente o Real Decreto 463/2020 polo que se declaraba o estado de alarma. Así, en aplicación do establecido no Real Decreto-lei 8/2020, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, recoñécelle á empresa o dereito a que se reestableza o equilibrio económico do contrato de concesión, coa entrega por parte do Concello dunha contía de 297.313,32 euros.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome lembrou que o contrato desta concesión administrativa (consistente na “concesión de obra pública para a construción e explotación dun centro deportivo e de saúde en Eiroás e para a reforma, mellora e xestión das piscinas públicas de Oira”, procede da etapa de goberno do BNG na área de Deportes do Concello; unha decisión que Pérez Jácome sempre cuestionou. “Daqueles fangos veñen estes lodos”, manifestou. O Concello recorrerá a sentenza.
A Xunta de Goberno Local tratou na súa sesión desta mañá un total de 18 asuntos presentados polas diferentes áreas e servizos municipais.
Licenzas (3)
Conceder unha licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución de reforma do portal e substitución dos ascensores existentes nun edificio na rúa Fernández Oxea
Conceder unha licenza de obras de rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar, na rúa Outeiro, Cudeiro
Desestimar a solicitude de certificado de innecesariedade de segregación urbanística dunha parcela na rúa das Laxas, toda vez que non reúne os requisitos previstos na Lei de solo de Galicia.
Patrimonio (3)
Considerar unha particular desistida dunha reclamación de responsabilidade patrimonial, polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na rúa do Paseo, por non reunir esta os requisitos legalmente esixibles e non atender a interesada o requirimento para completala.
Desestimar 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial presentada por particulares por caídas na rúa Luís Trabazos e Paseo, por non concorrer os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización.
Servizo de Contratación (1)
Aprobar o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, as obras do proxecto de reparación de Praza publica/terraza na Avenida de Marín numero 2 de Ourense, coa correspondente aprobación do prego de condicións económico – administrativas por importe de 553.977,22 €
Avogacía consistorial
Sentenzas (5)
Amais da sentenza do Xulgado do Contencioso – Administrativo número 1 en relación aos centros deportivos de Eiroás e Oira, na sesión desta mañá a Xunta Local deu conta doutras 3 sentenzas:
Do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1, que desestima o recurso dunha empresa en materia tributaria.
Da Sala do Contencioso Administrativo, Sección 1ª, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que estima en parte o recurso de apelación promovido pola Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIIF) contra o decreto da Consellería de Recursos Humanos, de 22 de outubro de 2019 polo que se aproban as bases para a provisión do posto de director xeral de Recursos Humanos. A sentenza estima parcialmente o recurso de apelación do sindicato e e declara a nulidade das bases unicamente no extremo referido a que o persoal que participe en el proceso debe ter previamente a condición de persoal directivo, en aplicación da Lei do Empregado Público de Galicia.
Do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, que estima en parte a reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por un particular por danos sufridos a causa dunha caída como consecuencia do mal estado da varanda de madeira que protexe o desnivel existente entre o parque Penarredonda e a zona inferior. A sentenza estima en parte o recurso ao entender que hai unha concorrencia de culpas: a do actor por transitar por onde non debía e a do Concello por non ter a varanda no estado de conservación necesario. Recoñécelle unha parte da contía solicitada, (12.685,90 euros dos 35.371,81 que pedía).
Do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Sala do Contencioso-Administrativo Sección 2, que estima o recurso de apelación interposto polo Concello, revoga a sentenza do Contencioso administrativo numero e declara conforme a dereito o decreto que declara a situación de ruína inminente de 2 inmobles na rúa Anaigo de Abaixo.
Comparecencias (5)
Dar conta de que o Concello foi emprazado para comparecer
Diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, nos procedementos derivados dunha convocatoria de selección de persoal e unha sanción a un particular por non usar a máscara na vía pública cando era obrigatorio.
Diante do Xulgado do Social número 1 de Ourense, no procedemento ordinario relativo a unha demanda de indemnización por incapacidade e por unha reclamación de responsabilidade patrimonial pola caída dunha peoa na rúa do Paseo
Diante do Xulgado do Contencioso – Administrativo número 1 nun procedemento ordinario sobre unha liquidación do Imposto sobre Bens Inmobles
Diante da Audiencia Nacional, no procedemento ordinario interposto por Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España contra a inactividade da Xunta de Galicia e a entidade pública empresarial Augas de Galicia no cumprimento das obrigas de pagamento de facturas pendentes en relación ao convenio para a execución e explotación das obras de “Mellora de saneamento de Ourense: EDAR de Ourense” e as súas posteriores Adendas.



