As persoas interesadas poden inscribirse até o 16 de xaneiro
A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense inicia unha nova edición do Proxecto Convívere, con 10 novos obradoiros sobre diferentes temáticas que se desenvolverán desde xaneiro ata maio no Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM). As persoas interesadas poden inscribirse até o día 16 de xaneiro na Concellería de Igualdade (Rúa Vasco da Ponte, 1), por teléfono (988393191) ou no enderezo electrónico concelleriamuller@ourense.es
Baixo o lema Coexisten os obxectos, As persoas conviven!, ofreceranse obradoiros quincenais con temática diversa e cunha finalidade común: achegar ideas sobre o feito de sermos humanos que poidan axudar ao entendemento, tanto persoal como colectivo. Preténdese traballar por unha sociedade máis igualitaria onde se poña en valor o coidado e o cultivo da diversidade, se favorezan contextos para que cadaquén sexa a súa mellor versión e se garanta a igualdade como dereito básico.
Os obradoiros van dirixidos a maiores de 18 anos, e desenvolveranse de 17:00 a 20:00h no CIMM. Están pensados por temáticas mensuais e as persoas interesadas poderán anotarse ao proxecto completo ou por meses soltos. En cada mes abordarase unha temática concreta, sendo algúns dos obradoiros exclusivos para mulleres e outros mixtos. As temáticas seleccionadas son:
- Mes de xaneiro e as mulleres (Mulleres) : 22 de xaneiro: Pensar(nos) mulleres. Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM e 29 de xaneiro: Sendo mulleres. Beatriz Fernández, psicóloga e sexóloga.
- Mes de febreiro e o amor (Mixto): 19 de febreiro: Pensar o amor. Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM e 26 de febreiro: Somos o que contamos que somos. Getse Valenzuela, educadora, cantadora e contadora de historias.
- Mes de marzo e o corpo (Mixto): 19 de Marzo: Pensar os corpos. Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM e 26 de Marzo: Corpos que habitamos. Nuria Sotelo, bailarina e sexóloga.
- Mes de abril e as sexualidades (Mulleres): 23 de abril: Pensar a sexualidade. Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM e 30 de abril: Vivindo a nosa sexualidade. Berta Vega Villaamil, terapeuta do Reencontro.
- Mes de maio e os desexos (Mixto): 21 de maio: Pensar os desexos. Ana Pérez Cardoso, educadora do CIMM e 28 de maio: Vivir desde os desexos. Mar Márquez, bailarina e sexóloga.