Sospeita que 19 das 106 licenzas de taxista de Ourense non están prestando o servizo que deberían e actúan “de facto” como VTC
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, expresou esta mañá a preocupación do Concello tras detectar unha falta de taxis en horas punta nas paradas da cidade, que se agravou especialmente desde a chegada do AVE. “É un problema, e como servizo público, temos que solucionalo”, manifestou o rexedor.
Explica Pérez Jácome que o Concello de Ourense conta con 106 licenzas de taxis, que é unha cifra axeitada para a súa poboación, dentro da ratio que establece a normativa autonómica dunha licenza por cada mil habitantes.
Porén, o Concello foi coñecedor de que aproximadamente 19 licenzas das 106 da cidade non están explotando a súa licenza de taxi, como é a súa obriga. “Están traballando de facto como se fosen VTC (vehículo de transporte con condutor), para servizos privados”, afirma.
O Concello abrirá un expediente informativo para investigar estas circunstancias, que podería rematar coa retirada da licenza a aqueles taxistas que estivesen utilizando de forma fraudulenta a súa licenza. “É un feito grave, xa que se un 20% dos taxistas non fai o seu labor, a cidade nótao. Ademais, eses taxistas que non cómpren coas súas obrigas, fan dano aos outros 87 que si o fan”.
A situación agrávase por un segundo problema xa que, engade o alcalde, estanse a producir casos similares no Concello de Barbadás, limítrofe con Ourense. A consecuencia, subliña o rexedor, é que “os 87 taxistas de Ourense están prestando servizo a unha cidade que debería ter 106 e, ademais, teñen que atender a Barbadás, que ten 10.000 habitantes”.