Cun orzamento de 3,5 millóns de euros, pretende mellorar a calidade de vida na cidade, mitigar os efectos das altas temperaturas e aumentar a cobertura arbórea, entre outros obxectivos
O proxecto abarca máis de 8.000 m de vías e 17.000 m2 de espazos urbanos renaturalizados, coa plantación dun total de 5.000 árbores
O Concello de Ourense presentou o proxecto Ourense, cidade arborizada á convocatoria de subvencións realizada pola Fundación Biodiversidade para o fomento de actuacións dirixidas ao desenvolvemento e consolidación da infraestrutura verde para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en 2024.
O proxecto do Concello de Ourense ten un orzamento de 3.496.420,68 € e trata de dar resposta á necesidade de transformar a cidade e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ourense, cidade arborizada prevé desenvolver actuacións para mitigar os efectos das altas temperaturas, aumentar a permeabilidade do chan, incrementar a cobertura arbórea e transformar zonas verdes para xerar espazos atractivos para a fauna con plantacións arbustivas e arbóreas, e combatendo a presenza das especies invasoras na cidade.
Esta inquietude do Concello recolleuse xa nun estudo previo denominado Infraestrutura verde para a mellora da calidade de vida na cidade de Ourense no que se detectaron zonas de oportunidade para responder aos problemas expostos. Dada a envergadura dos resultados obtidos neste proxecto, o Concello apostou por darlle resposta a través de diferentes convocatorias, coordinadas desde o goberno para lograr unha transformación global da cidade
O proxecto abarca máis de 8.000 m de vías e 17.000 m2 de espazos urbanos renaturalizados, coa plantación dun total de 5.000 árbores.

