O goberno municipal presentará a proposta a aprobación por parte do Pleno o día 27 de outubro
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou esta mañá, en sesión extraordinaria, a modificación orzamentaria 7P/2025, por un total de 24.192.381,35 euros, con cargo ao remanente de tesouraría para gastos xerais.
O obxectivo é regularizar as retribucións das concesionarias Viaqua (xestión da auga) e Ecourense (recollida de lixo e limpeza viaria), en virtude dos acordos alcanzados coas dúas empresas para poñer fin a conflitos arrastrados dende hai anos e actualizar os contratos en precario de ambos os dous servizos. Segundo estes acordos, as contías recoñecidas son notablemente inferiores ás reclamadas inicialmente polas empresas.
Distribución dos créditos suplementarios
- Xestión da EDAR de Reza, Santa Cruz Arrabaldo e As Coiñás: 1.777.611,53 €
- Xestión dos tanques de tormenta: 260.189,43 €
- Retribución da concesión do servizo de auga, saneamento e depuración: 13.607.117,48 €
- Contrato de recollida de lixo e limpeza viaria: 8.547.462,91 €
O acordo elevarase ao Pleno da Corporación para a súa aprobación provisional nunha sesión que terá lugar o día 27 de outubro. O goberno municipal conta xa cos apoios necesarios para sacala adiante.
Regularización dos contratos
O servizo de limpeza viaria e recollida de lixo está en precario dende abril de 2022, o que provocou un desfase entre os custos reais e as retribucións vixentes.
Pola súa banda, o contrato do ciclo integral da auga, xestionado por Viaqua, leva en precario dende 2017. Neste tempo incorporáronse novas infraestruturas —como a nova EDAR de Reza, tanques de tormenta e estacións de tratamento— non contempladas no contrato inicial, o que xerou un desfasamento económico que agora se regularizará. En virtude do acordo, o Concello recoñece a débeda pola prestación ininterrompida do servizo ata 2023 e aboará unha contía moi inferior aos máis de 18 millóns reclamados inicialmente por Viaqua.
Ademais, a empresa comprométese a executar obras de mellora na rede de auga por valor de 1,9 millóns de euros.
Ordenanza fiscal
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén o proxecto dunha ordenanza fiscal que derrogará as actuais ordenanzas número 10 e 11, relativas ás taxas pola subministración de auga e polo servizo de rede de sumidoiros e depuración.
A derrogación entrará en vigor cando se aprobe a nova ordenanza reguladora das tarifas destes servizos, actualmente en tramitación.