O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, e o concelleiro e deputado autonómico Armando Ojea recibiron esta mañá no salón de plenos o reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), Ricardo Mairal, e os e as integrantes do Consello do Campus Noroeste da entidade, que se desenvolve estes días na cidade.
O acto tamén contou coa asistencia do director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García; os vicerreitores de Centros Asociados, Jesús de Andrés, e de Innovación Educativa, Esther López; e os directores e secretarios dos 14 centros que integran o Campus Noroeste (que agrupa Asturias, Castela e León, Estremadura e Galicia).
O tenente de alcalde deulles a benvida a unha “cidade acolledora que vive unhas datas especiais, xa que celebramos o noso Entroido. Estamos especialmente contentos de tervos aquí e desexamos que desfrutedes da vosa estadía e que o encontro sexa de proveito, ademais de pasalo ben nestas datas máxicas”.
Ao remate do acto, o reitor asinou no Libro de Ouro no Concello, no que plasmou esta mensaxe: “É unha gran honra visitar o Concello de Ourense e así renovar o noso compromiso coa UNED durante máis de tres décadas. Sigamos facendo Universidade, sempre en colaboración, reivindicando o diálogo e a confianza baseada na acción conxunta entre equipos. Sigamos, pois, defendendo e cultivando eses ideais que conforman o patrimonio moral das sociedades ás que nos debemos”, escribiu Ricardo Mairal.

