O alcalde destaca o labor dunha entidade “que se converteu en patrimonio emocional de todos os ourensáns”, e constitúe un ”baluarte de serenidade e bo facer, e o gran punto de unión da capital”
O salón de plenos acolleu o acto, ao que asistiron o alcalde e todos os grupos políticos municipais, o presidente e directiva do Liceo
O Concello de Ourense recoñece a extraordinaria achega realizada polo Liceo á cidade outorgándolle a súa máxima distinción: a Medalla de Ouro. O salón de plenos acolleu esta tarde o acto institucional, no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a Corporación municipal, con presenza de todos os grupos políticos, o presidente do Liceo, Javier Casares, e a súa xunta directiva.
Con este acto levouse a efecto o acordo aprobado por unanimidade no Pleno do Concello do pasado día 7 de novembro, no que se decidiu conceder ao Liceo de Ourense a Medalla de Ouro da cidade “en recoñecemento ao seu labor de fomento da cultura, as artes e a educación e a súa contribución á creación dun espírito cidadán aberto ao coñecemento, á tolerancia e ao pluralismo”. Así o destacaron nas súas intervencións o alcalde de Ourense e o concelleiro Armando Ojea, quen realizou a laudatio.
O evento seguiu o protocolo de alta solemnidade que require o Regulamento de Honras. Comezou ás 17.20 horas coa recepción con honores á directiva do Liceo na entrada principal do Consistorio. Tras o saúdo inicial no Salón de Plenos e a lectura da laudatio, o secretario do Pleno deu lectura ao acordo de concesión.
O momento culminante foi a entrega da Medalla de Ouro e o pergamiño conmemorativo, seguida das intervencións de Javier Casares e do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. O acto rematou cunha fotografía institucional da Corporación municipal coa directiva homenaxeada.
Patrimonio emocional de todos os ourensáns
O alcalde cualificou a entrega desta distinción como un “deber de xustiza histórica” cara a “unha entidade privada que se converteu en patrimonio emocional de todos os ourensáns”. Nas súas palabras, destacou que o Liceo, desde a súa fundación en 1850, “non foi un club pechado senón unha fiestra aberta pola que entrou a modernidade e o pensamento crítico na nosa cidade”.
Pérez Jácome definiu a institución como “un baluarte de serenidade e de saber facer, e o gran punto de unión da capital”, subliñando que se trata dunha entidade que xera consenso e que está “por riba de calquera conxuntura”. Dirixíndose ao presidente do Liceo, afirmou que “a medalla que hoxe recibe a entidade leva incrustada a gratitude de xeracións de ourensáns”.
Así mesmo, o rexedor advertiu que esta distinción supón tamén un reto de futuro: “Ourense necesita que o Liceo siga sendo ese motor cultural indomable, receptivo á colaboración coas administracións, como foi sempre, pero mantendo esa esencia independente e plural que o fai único”.
“Ourense é hoxe unha cidade máis digna porque recoñece o valor de quen a fan grande”, aseverou o alcalde, que rematou a súa intervención destacando que “o Liceo foi, é e será sempre o fogar da liberdade e do talento en Ourense”.
A máxima honra municipal
Coa entrega deste recoñecemento, o Liceo de Ourense recibe a “primeira e maior distinción que pode outorgar o Concello de Ourense”, segundo recolle o seu regulamento oficial de honras e distincións. Esta Medalla de Ouro constitúe a condecoración municipal no seu grao máis elevado.
A súa concesión está reservada estritamente a casos excepcionais de méritos extraordinarios e simboliza o máximo recoñecemento da institución municipal cara a entidades que, como o histórico Liceo de Ourense, teñen prestado servizos de extraordinaria relevancia á cidade.
Acto no Liceo
A continuación, alcalde e Corporación municipal, xunto co presidente e a directiva do Liceo achegáronse á sede da entidade ourensá, no número 5 da rúa Lamas Carvajal (Pazo de Oca Valladares) para participar nun acto organizado polo Liceo pola concesión da Medalla de Ouro da cidade, xunto con representantes de diferentes administracións e entidades e os propios socios do Liceo. O alcalde trasladou de novo os parabéns do Concello á entidade: “esta medalla brilla hoxe nas vosas vitrinas, pero a súa luz reflicte a gratitude de todos os veciños de Ourense. Moitas grazas por recibirnos na casa de todos”.



