O Concello de Ourense reestablece desde hoxe o servizo do tren turístico das Termas, que conecta o centro da cidade cos principais espazos termais da marxe dereita do río Miño: A Chavasqueira, o Muíño da Veiga e Outariz. O vehículo xa circulou no día de hoxe cos seus horarios habituais.
O tren das termas ten saída ás 10, 12, 16 e 18 horas de luns a venres desde a Praza Maior (cun servizo máis ás 20h os sábados, os domingos e os días festivos), e realiza paradas na Praza do Ferro, o parque de San Lázaro, a Ponte Vella, A Chavasqueira, a pista vermella, o paso soterrado, o Muíño da Veiga e a zona termal de Outariz.
As viaxes de volta á cidade teñen saída desde Outariz ás 11, 13, 17 e 19 horas (de luns a venres, cun servizo máis ás 21 h as fins de semana e festivos), con paradas nas Termas de Outariz, o Muíño, o paso soterrado, a pista vermella, A Chavasqueira, a Ponte Vella, o parque de San Lázaro e a Praza Maior.

