O Concello reforzará este sábado o servizo de autobuses a Expourense pola celebración do Festival OUR FEST 2024

adminON
Lectura mínima de 2

A Liña 16 manterá os horarios dos días laborais e haberá unha lanzadeira entre Expourense e San Lázaro, de 1.30 a 3.30 h

O Concello de Ourense reforzará pasado mañá, sábado, 14 de setembro, o servizo de autobuses urbanos cara a Expourense pola celebración do festival OUR FEST 2024.

Por unha banda, durante esa xornada, malia ser sábado, a liña número 16: O Vinteún – Expourense, manterá os horarios e frecuencias habituais en días laborais, de xeito que sairán autobuses cara a Expourense ás 13.35, 14.55, 16.15, 17.35, 18.55, 20.15 e 21.35 horas, cos respectivos regresos (até as 22.15 horas) desde o recinto feiral. A liña sae de Valdorregueiro e fai paradas na estrada de Santiago, Avenida de Santiago, Praza da Mariña, Parque da Ponte, Vicente Risco, Curros Enríquez, Parque de San Lázaro, Xoán XXIII, Alameda, Xardín do Posío, Coruña, Nosa Señora da Saínza, Avenida de Zamora, Mariñamansa e IES Ferro Couselo até rematar no Pazo dos Deportes – Expourense.

Para reforzar a oferta de transporte público pola noite, o Concello activará tamén un servizo lanzadeira de autobuses, que sairán desde a 1.30 até as 3.30 h, desde Expourense até o Parque de San Lázaro.

O Concello convida o público a utilizar el servicio de autobuses, en vez dos vehículos privados, para acudir tanto ao festival que se levará a cabo en Expourense, como tamén ao partido que disputará esa mesma tarde Club Ourense Baloncesto correspondente á Copa España, no Pazo Paco Paz.

Comparte este artigo