HomeOurenseO Concello rehabilitará a pasarela do Vao e humanizará o núcleo da...

O Concello rehabilitará a pasarela do Vao e humanizará o núcleo da Lonia cun investimento total de 1,6 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local aprobou este mediodía os expedientes para contratar as obras

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión ordinaria desta semana os expedientes para contratar as obras do proxecto de rehabilitación da pasarela do Vao, que comunica o centro da cidade co barrio da Ponte; e de mellora, acondicionamento e humanización do núcleo da Lonia. O orzamento total das dúas actuacións supera os 1,6 millóns de euros.

Rehabilitación da pasarela do Vao (cun orzamento base de licitación de 768.345,70€ e un prazo de execución de 4 meses). O proxecto ten como obxectivo restaurar esta importante estrutura peonil que cruza o río Miño desde o centro comercial até a rúa Ribeira de Canedo, tras a deterioración producida polo seu uso co paso do tempo.

Os traballos inclúen o tratamento e mellora do pavimento, adecuación das varandas, melloras da iluminación, do taboleiro e dos estribos e eliminación de patoloxías que provocan a súa deterioración.

Mellora, acondicionamento e humanización do núcleo da Lonia. (Orzamento base de licitación: 852.821,00€, duración: 6 meses). Ten como obxectivo revitalizar o núcleo da Lonia e transformalo nun espazo máis habitable e accesible para a veciñanza.

As obras consistirán na mellora e acondicionamento das infraestruturas (saneamento, abastecemento, baixa tensión, iluminación pública e telefonía) e a humanización do núcleo, coa execución dunha nova pavimentación dos distintos ámbitos atendendo ás súas características, calidades e tipoloxías.

Con estas actuacións preténdese revitalizar o núcleo, crear zonas de reunión veciñal, que actualmente están marxinadas pola presenza dos automóbiles; reducir a circulación de vehículos e dar maior protagonismo aos peóns e as peoas para conseguir unha mellor calidade de vida social.

Publicacións Relacionadas