HomeOurenseO Concello renova por un ano o contrato para a instalación da...

O Concello renova por un ano o contrato para a instalación da iluminación de Nadal

- Anuncio -spot_img

A xunta de goberno aproba prorrogar o contrato asinado para 2020, cun orzamento de máis de 320.000 euros

“En 2020 tivemos a mellor iluminación da historia de Ourense e a de 2021 será aínda mellor”, subliña o alcalde, quen avanza que as luces acenderanse o venres anterior á ponte da Constitución

A xunta de goberno local do Concello de Ourense acordou en xuntanza celebrada esta mañá renovar por un ano o contrato para a instalación de iluminación de Nadal na cidade. “O ano 2020 tivemos a mellor iluminación da historia de Ourense, e a de 2021 será aínda mellor”, asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen avanza que “se mellorará a calidade ao dispoñer de máis tempo para deseñar”. Neste senso, subliña, “nunca se contrataran as luces de Nadal con 11 meses de antelación”.

As luces acenderanse o día 3 decembro, por ser o venres anterior á ponte da Constitución, unha data que, avanza o alcalde “queremos institucionalizar como día de inauguración das luces para este e para os seguintes anos, xa que cremos que é a mellor para todas os nadais”.

A decisión adoptada esta mañá supón acordar a prórroga do contrato do servizo de posta en funcionamento, iluminación e retirada da iluminación do Nadal, adxudicado á empresa Iluminacións Ximénez, polo importe de 324.334,47 euros, coas mesmas melloras que a empresa ofrecera para 2020. A empresa deberá presentar, antes do día 8 de marzo, a súa nova proposta de iluminación para a cidade, que deberá ser aprobada pola xunta de goberno local. As luces estarán acendidas desde o día 3 de decembro até o 9 de xaneiro de 2022.

O Concello mantén así a súa aposta pola iluminación ornamental realizada xa no pasado Nadal, no que elevou substancialmente o investimento para mellorar en espectacularidade e calidade, e chegar a un maior número de espazos da cidade. O proxecto de iluminación incluíu un total de 2.159.343 puntos de luz, distribuídos en arcos, adornos de farois, árbores así como elementos tridimensionais (figuras de chan con motivos de Nadal). Colocáronse un total de 392 arcos nas rúas, distribuídas por diferentes puntos da cidade, 328 farois contaron con adornos e decoráronse 582 arbores. Entre rúas, parques, prazas e glorietas a decoración de Nadal chegou a 159 emprazamentos diferentes.

Publicacións Relacionadas