A peza, reparada tras sufrir danos por un vehículo, loce de novo xunto á capela da Venerable Orde Terceira
O Concello de Ourense finalizou a restauración do histórico cruceiro de pedra do complexo cultural de San Francisco. A obra xa loce de novo no seu tradicional emprazamento, xunto á capela da Venerable Orde Terceira Franciscana, hoxe utilizada polo Museo Arqueolóxico como sala de exposición permanente. Os traballos foron realizados pola mercantil Riela, Obras e Servizos, por un importe de 17.956,40 euros, IVE engadido.
O cruceiro resultara danado por un vehículo. Isto fixo necesario executar traballos especializados de recuperación, tratamento e restauración da peza, e a súa posterior colocación no seu lugar habitual. A actuación acompañouse dunha remodelación da contorna, encamiñada a potenciar a súa visibilidade e a dificultar accidentes como o que sufriu.
O cruceiro, sen grupos escultóricos que representen ao crucificado nin outra imaxe figurativa, estivera anteriormente noutros emprazamentos da cidade, como a rúa da Estrela, tamén chamada Carreira dos Defuntos e Quebracús, no Centro Histórico da cidade, e a vella estrada de Maceda, actual rúa de Emilia Pardo Bazán.
O emprazamento actual está dentro do importante conxunto do cemiterio de San Francisco, declarado Ben de Interese Cultural polo Decreto 31/2000, do 11 de febreiro, un lugar de referencia para Ourense do que tamén forma parte a dita capela da Venerable Orde Terceira Franciscana.
Coidado e posta en valor do patrimonio
O Concello de Ourense avanza así na súa aposta polo coidado e a posta en valor do patrimonio urbano, con actuacións como as recentemente realizadas de restauración dos farois da Torre de Ourense e dos emprazados no acceso á Alameda e a do cruceiro do Outo do Cumial.
Tamén está a levar a cabo intervencións de restauración na fonte de San Miguel de Canedo e nos lavadoiros de Cachaxúas e Ponte do Val, e iniciará proximamente outras nos lavadoiros de Casardomato e Seixalbo.



