O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse esta mañá cos portavoces dos grupos municipais de PP, Ana Méndez, PSdeG-PSOE, Natalia González, e BNG, Luis Seara, no Concello para informalos da situación dos contratos dos principais servizos públicos na cidade: auga, autobuses e limpeza e recollida de lixo, así como dos orzamentos do Concello para 2025.
No caso do servizo de autobuses, o alcalde informou de que 4 empresas presentaron as súas ofertas para concorrer ao concurso convocado polo Concello. Nestes intres, dixo, “ estamos á espera de que se solucionen xa as alegacións do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) para realizar a adxudicación do contrato”. Porén, advertiu Pérez Jácome que esta “non se poderá realizar até o mes de marzo de 2026, porque se fixo con tramitación anticipada”.
Por outra banda, o cambio de liñas do servizo de transporte público municipal levarase a cabo xa no mes de xullo deste mesmo ano. As modificacións seranlle remitidas a semana próxima á actual empresa concesionaria. “Non será o definitivo, pero si un cambio bastante significativo”, afirmou o alcalde.
En canto ao servizo de limpeza e recollida de lixo, Pérez Jácome adiantou que o expediente será remitido a semana próxima á Intervención Municipal co obxectivo de licitar o contrato de novo en 20 días.
A semana próxima tamén irán a Intervención os orzamentos do Concello, e o goberno municipal prevé que se poidan presentar para o debate e aprobación por parte do Pleno do Concello nunha xuntanza a finais do mes de maio.
En canto ao servizo de auga, o alcalde explicou que “xa está feito todo para licitar unha concesión a 25 anos que suporía un investimento en obras de 50 millóns de euros”. Porén, advirtiu o rexedor que o goberno municipal ten “dúbidas ideolóxicas” sobre a conveniencia de levar a cabo un contrato cunha duración tan longa: “un contrato de 25 anos implica cousas boas e malas. E no malo está que, como vemos que ocorre coas autoestradas, dar unha concesión per secula seculorum pode converterse nun pelotazo entre comillas para unha empresa”. Máis aínda no caso do contrato da auga que, asevera o alcalde, “é o máis cobizado polas empresas e o soño de todo político corrupto, porque é o máis poderoso”.
Gonzalo Jácome dubida dunha duración de 25 anos porque “a empresa pódese durmir”. A alternativa, sinala, sería licitar un contrato de menor duración (5 anos), pero neste caso non se poderían incluír nel os investimentos cuantiosos que é necesario realizar no servizo.
Neste escenario, o goberno municipal puxo esta mañá enriba da mesa as posibilidades de poñer en marcha unha empresa pública que asuma a xestión do servizo municipal de auga e leve a cabo os investimentos que cómpre executar, ou a de remunicipalizar o servizo.
No caso da empresa pública, explicou Pérez Jácome, o Concello tería o 51%, e que podería executar as obras pedindo un crédito”. Admite Pérez Jácome que con carácter xeral “as empresas públicas non son santo da nosa devoción pero neste caso, ao se tratar dun servizo como é a auga, pode ter a súa xustificación”, ademais de ser “a alternativa para facer obras sen atarme a unha empresa por 25 anos”
O alcalde emprazou os grupos municipais a manter unha nova xuntanza a segunda semana do mes de maio “para saber se apoiarían” a creación desta empresa pública ou remunicipalización do servizo.