Máis de catro mil persoas visitan a cidade de Ourense durante esta fin de semana con motivo do Concurso Nacional de Danza CND España, no que colabora o Concello de Ourense, e que se desenvolverá no Auditorio e na Escola de Música Municipal. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o representante da organización, Wifredo Picó, presentaron esta mañá no salón de plenos o certame.
O concurso CND Danza é o maior evento de danza de España, polo cal pasan cada ano numerosos artistas que demostran o seu talento sobre o escenario. Non é unha competición senón un concurso que procura a harmonía e a amizade cun intercambio artístico entre as escolas. Esta actividade é unha iniciativa da Ópera Nacional de Francia, que desenvolve en Ourense unha das súas fases clasificatorias en España.
O concurso reuniu en 2024 en Ourense un total de 520 concursantes, que visitaron a cidade acompañados dos seus familiares e mestres. Para esta cuarta edición hai inscritos 933 concursantes, de 8 a 20 anos de idade, o que supón case un 50% máis ca no ano anterior.
O Concello de Ourense, que colabora con esta iniciativa, entende que o evento supón a presencia na cidade dun importante número de visitantes, máis de 4.000 persoas segundo das previsións da organización, o que sempre supón un impurrón á hostalaría e á restauración local.
O alcalde avanzou que este evento, que mobiliza máis de 900 participantes máis as súas familias e adestradores e adestradoras “vai encher de vida a hostalaría da cidade, os hoteis, as cafeterías, os restaurantes, os comercios… Vai ser unha fin de semana das fortes de Ourense”, aseverou o rexedor, quen felicitou a iniciativa da organización e que sigan optando por Ourense como sede do concurso.

