O deputado de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, representa á Deputación no acto conmemorativo do Día da Auga, a Árbore e a Poesía, na Ínsua dos Poetas

adminON
Lectura mínima de 2

No acto, que tamén se centrou en avanzar a conmemoración do Día da Diversidade que se celebra mañá, participaron rapaces e rapaces dos 10 colexios da comarca do Carballiño, así como do centro invitado este ano, o Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar

A Ínsua dos Poetas, na Esgueva (O Carballiño) acolleu esta mañá o seu tradicional acto con motivo do “Día do Árbore, a Auga e a Poesía”, unha conmemoración múltiple que contou coa presenza de rapaces e rapazas de todos os centros educativos da comarca do Carballiño, así como do colexio invitado este ano, o Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar.

Esta actividade cultural organizada pola Fundación “Insua dos Poetas” pretende promocionar a natureza e a lingua galega e conta co apoio da Deputación. En representación do goberno provincial acudiu o deputado de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, quen felicitou aos organizadores “por esta emotiva celebración nun remanso de paz e cultura incomparable”. A poesía, os recitáis, as cancións, a música, a danza e o baile centraron esta conmemoración, que tamén tivo un avance para o Día da Diversidade, que se celebra mañá.

A este acto asistiron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o secretario xeral de Cultura en funcións da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal en funcións da Xunta de Galicia, José Luis Chan; os alcaldes do Carballiño e O Irixo, Francisco Fumega e Susana Iglesias, respectivamente; e o deputado provincial socialista Diego Fernández.

A Fundación “Insua dos Poetas”, presidida por Luis González Tosar, está declarada de Interese Galego e ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.

Comparte este artigo