· “Esta infraestrutura é importantísima, non podemos seguir deixándoa no mesmo caixón que leva no último ano e medio porque a alcaldesa non teña gañas de contestar á Consellería de Sanidade”, sinalou en rolda de prensa a voceira popular e candidata ás vindeiras municipais do 28-M
· “Por que noutros concellos gobernados polo BNG -como Moaña, Ponteareas, Barro, Ribadeo ou Fene- poden ter un novo centro de saúde e en Allariz, non”, preguntouse Luz Doporto, que tamén avanzou que o que sería o antigo centro de saúde pode ser o novo edificio administrativo precisado polo Concello: “Agruparíamos e liberaríamos espazos para servizos moi demandados pola veciñanza”
· O centro de saúde pasaría dos 600 metros cadrados construídos a case 1.500, con novos espazos e servizos para os veciños e os profesionais
A voceira do grupo municipal do PP de Allariz, Luz Doporto, reclamou esta mañá en rolda de prensa ao grupo de goberno que “atenda aos seus veciños, faga o seu traballo e poña a disposición da Xunta de Galicia a parcela solicitada pola Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde para Allariz”.
“Esta infraestrutura é importantísima, non podemos seguir deixándoa no mesmo caixón que leva no último ano e medio porque a alcaldesa non teña gañas de contestar. Isto apela aos nosos dereitos”, sinalou Luz Doporto, que estivo acompañada, entre outros, polo concelleiro popular José Daniel Rodicio e os parlamentarios Marisol Díaz, Noelia Pérez e Carlos Gómez, nunha rolda de prensa celebrada na parcela proposta polos populares para situar o novo centro de saúde.
“Hoxe poderíamos ter todo solucionado se o equipo de goberno e a alcaldesa houbesen cumprido co solicitado pola Consellería de Sanidade”, remarcou a tamén candidata popular o vindeiro 28 de maio, que destacou o compromiso do PP de Allariz coa vila: “Nós estamos sempre dispostos a axudar, a traballar polo pobo. Propuxemos esta parcela porque avanzaríamos dun xeito rápido na tramitación e porque conta con espazo suficiente para acoller o novo centro de saúde proposto pola Xunta de Galicia, que permitirá pasar dunha infraestrutura do século XX, insuficiente en tamaño e dotación, a un do século XXI”.
“Temos que denunciar a forma de traballar, escura, do grupo de goberno. Por contra, o noso único fin son os veciños: por que noutros concellos gobernados polo BNG -como Moaña, Ponteareas, Barro, Ribadeo ou Fene- poden ter un novo centro de saúde e en Allariz, non”, preguntouse Luz Doporto, que tamén avanzou que o que sería o antigo centro de saúde pode ser o novo edificio administrativo precisado polo Concello: “Agruparíamos e liberaríamos espazos para servizos moi demandados pola veciñanza”.
Pasar dun centro de saúde con 600 metros cadrados construídos a un de case 1.500 metros, con novos espazos para veciños e profesionais
Doporto destacou a importancia do que sería pasar dun centro de saúde de apenas 600 metros cadrados construídos -insuficientes para incorporar novos profesionais ou para a docencia- a un de case 1.500 metros cadrados.
A proposta de actuación de Sanidade recolle 4 consultas de medicina, 3 de enfermaría, 1 de farmacia, 1 de odontoloxía, 3 salas polivalentes, 1 consulta de programa da muller, 1 sala de educación sanitaria e un despacho de traballador social; na área de pediatría, 1 consulta de pediatría e 1 de enfermeira de pediatría.
No PAC, contará con 1 sala de reanimación/observación, 1 consulta de medicina e 1 de enfermaría. Ademais de espazos para o persoal como sala de xuntas, sala de estar e vestiarios.
Con respecto ao centro de saúde actual, construído en 1986, increméntase unha sala de educación sanitaria, 1 consulta de farmacia, despacho do traballador social, 2 salas polivalentes, consulta do programa da muller, aseos en pediatría, sala de illamento, sala de xuntas e, no PAC, unha sala de reanimación/observación, 1 consulta de enfermería e vestiarios.
Pola súa banda, o concelleiro José Daniel Rodicio explicou os detalles da parcela proposta, sinalando que bastaría un acordo do pleno para cambiar o uso do chan e poder edificar a infraestrutura sanitaria.
Ano e medio sen resposta do goberno municipal
O grupo municipal popular xa levou esta cuestión ao pleno de abril, pedindo de maneira urxente ao grupo de goberno -que se abstivo na votación- habilitar os terreos para a construción do centro de saúde. Os populares recordan que Sanidade fixo este requirimento ao Concello a finais do ano 2021, ao estar Allariz incluído na segunda fase do Plan de Infraestruturas Sanitarias deseñado pola Xunta de Galicia.
O propio conselleiro remitiu cartas a todos os alcaldes e alcaldesas, poñéndose a disposición para que o persoal técnico da Consellería avaliase as parcelas propostas polos diferentes gobernos municipais. O grupo municipal do PP de Allariz tamén recorda que xa en xullo de 2022 rexistraron un escrito no Concello á atención da alcaldesa solicitando unha xunta de portavoces para coñecer as posibles razóns polas que o Concello levaba nese momento nove meses sen responder á Sanidade sobre esta cuestión.