HomeOurenseO goberno municipal activa os mecanismos para modificar o réxime de axudas...

O goberno municipal activa os mecanismos para modificar o réxime de axudas sociais ao funcionariado do Concello

- Anuncio -spot_img

Gonzalo Jácome dirixe unha consulta ao Consello Consultivo de Galicia con esta finalidade

O rexedor entende que son “prebendas inxustas e ilegais” que se deben “erradicar”

O goberno municipal leva semanas traballando neste tema

O goberno municipal activa os mecanismos para modificar o réxime de axudas sociais ao funcionariado do Concello de Ourense. Así o anunciou esta maña o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que entende que as axudas aos traballadores municipais son “abusivas e ilegais”, e constitúen unha “inxustiza” que se debe “erradicar”. Concedelas é un acto regrado, porque están recollidas no acordo regulador das condicións de traballo dos empregados municipais, aprobado no ano 2012, que é de obrigado cumprimento. Porén, o goberno municipal dará os pasos que sexan necesarios para eliminalas.

O rexedor lembra que sempre se opuxo a estas axudas, mais indica que non foi posible suprimilas durante o actual mandato porque o anterior socio de goberno, o Partido Popular, non estaba de acordo. Agora, que goberna en solitario, activará os mecanismos para eliminalas.

O goberno municipal leva semanas traballando neste tema. En primeiro lugar, o alcalde consultou os servizos xurídicos municipais e estes entenden que o goberno do Concello non pode suprimilas de forma unilateral as axudas xa que están incluídas no acordo regulador. Porén, o alcalde, que considera que no acordo hai cláusulas que son “ilegais”, dirixirá unha consulta oficial ao Consello Consultivo de Galicia.

Pérez Jácome entende que “debemos tentar acabar co que cremos que é unha inxustiza”. Entende que o acordo regulador “está cheo de prebendas para boa parte do funcionariado”, que se deberían “erradicar”. Porén, asegura que “non depende exclusivamente de nós” xa que, de ser así, “xa estaría acabado desde o primeiro ano. Esperemos que o Consultivo de Galicia nos dea a razón”.

Gonzalo Jácome sostén que “non ten sentido dar axudas sociais a un colectivo que esta bastante ben resgardado do vendaval económico que estamos atravesando en España”, e que as axudas sociais deben dirixirse á poboación que está “máis desprotexida”

Así, seguindo as recomendacións dos xurídicos municipais, realizará esta consulta, que o Consello Consultivo terá que resolver nun prazo de 3 meses:” Nesta primeira fase estamos a fiarnos dos xurídicos que nos din iso, ainda que se atopamos outra vía de ataque, obviamente a usariamos”.

Pérez Jácome lembra que o acordo regulador “foi aprobado en 2012 polo alcalde que rexía daquela”, e que a proposta de supresión das axudas xa foi levada en varias ocasións a debate político no Pleno do Concello, “e soamente Democracia Orensana quería acabar con elas. Todos os partidos sempre se negaron a acabar con estas prebendas”. Afirma que durante a etapa de goberno en coalición co Partido Popular, “sempre se mostraron diametralmente en contra de calquera movemento que quixésemos facer neste sentido. Agora, unha vez que os expulsamos do grupo de goberno, é cando puxemos en marcha os mecanismos para facer esta pregunta e eliminalo xa, porque ao ser inxusto había que facelo de todas, todas”

Publicacións Relacionadas