A día de hoxe están contestadas 167 alegacións e solicitáronse os informes dos servizos municipais e a comisión de accesibilidade
O goberno municipal impulsa a nova ordenanza de veladores, con visitas á súa próxima aprobación, primeiro na Xunta de Goberno Local e posteriormente no Pleno do Concello. O executivo local informou a todos os grupos políticos da folla de ruta para a elaboración da nova normativa, que se atopa nestes intres en fase de informes e resolución de alegacións.
A día de hoxe, o coordinador xeral do Concello contestou xa 167 das alegacións presentadas. Solicitáronse informes aos diferentes servizos municipais: Servizos xurídicos, Medio Ambiente, Bombeiros, Policía Local, Comercio e Peri. De todos estes, só é vinculante o dos servizos xurídicos. Tamén se lle solicitará informe á Comisión Técnica de Accesibilidade.
Posteriormente, o proxecto da nova ordenanza levarase a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local. Abrirase un período de 10 días para a presentación de alegacións, para afrontar logo unha fase na que, explica o goberno municipal, se buscara “consensuar e pulir” o documento para presentalo a aprobación por parte do Pleno do Concello.
O goberno local explica a este respecto que “xa nos reunimos varias veces coa oposición, agora estamos na fase de resolución de alegacións e informes. Aceptáronse moitas alegacións e estase intentando consensuar todo antes de chegar ao pleno”. O goberno municipal trasladoulle toda a documentación e informes ao grupos políticos municipais para que coñezan polo miúdo os avances na tramitación do documento.



