O goberno municipal presentará este outono para aprobación por parte do Pleno do Concello a ordenanza da gratuidade do servizo de autobuses urbanos, para que se poida implantar a mediados do ano 2026. Así llelo avanzou o alcalde de Ourense esta mañá aos demais grupos políticos municipais no transcurso da xunta de portavoces que se desenvolveu na Alcaldía. A proposta do goberno local plasmarase nunha modificación da ordenanza municipal reguladora do servizo. A gratuidade dos autobuses entraría en vigor a mediados de 2026, con cargo ao novo orzamento municipal que o Concello prevé aprobar para o dito ano e co novo contrato do servizo municipal. Ao remate da xuntanza, o alcalde valoraba a boa disposición dos demais grupos políticos para que a gratuidade sexa aprobada por parte do Pleno.
Na mesma sesión, Pérez Jácome confirmoulles aos grupos que, como xa se anunciara, o vindeiro martes, 16 de setembro, entrará en servizo a nova rede de liñas de autobuses urbanos. “Non se pode frear porque é unha mellora para a maioría”, manifestou o rexedor, xa que “o 95% da xente vai saír beneficiada con esta nova rede, daquela non podemos pospoñela máis”. As novas liñas entrarán en vigor durante unha semana (desde o día 16 ao 22 de setembro) na que os autobuses serán gratuítos.
A xunta de voceiros tamén valorou a proposta de modificación de crédito elaborada polo goberno municipal 25 millóns de euros en investimentos na cidade. O proxecto inclúe un total de 11 actuacións de diversa índole, en materia de infraestruturas, medio ambiente, limpeza, rehabilitación e planeamento.
O goberno local apreciou a “boa predisposición” dos demais grupos en relación con estes proxectos: “maioritariamente están a favor porque falamos de obras clave para a cidade, de pouco posicionamento ideolóxico, como as ramplas mecánicas na Cuña e na Rampla de Sas ou as melloras de parques da cidade”. Porén, atendendo a solicitude doutros grupos políticos, valora a posibilidade de presentalas para a aprobación en pleno nun só lote ou en varios.

