O grupo de goberno entende que “sería unha temeridade iniciar un proxecto que desaconsellan os técnicos e cuxa subvención podería estar en risco”
O grupo de goberno do Concello de Ourense renunciará ao desenvolvemento do proxecto de marketplace, seguindo as recomendacións dos técnicos municipais, que sosteñen que esta iniciativa debe ser desenvolvida desde a esfera privada e non desde a pública.
O proxecto requiriría dunha cuantiosa achega económica por parte do Concello, por un importe inicial de medio millón de euros, ademais de requirir despois notables costes de mantemento para o seu axeitado funcionamento.
O markteplace contaba cunha subvención por parte do goberno do Estado, por importe de case 2 millóns de euros. Porén, os prazos e demais requisitos que o goberno esixe para levar a cabo este proxecto son moi limitados, e poñerían en risco a posibilidade de executalo en prazo e forma, como de feito xa lle ocorreu a outras cidades españolas, como Vigo, que renunciou a unha subvención semellante.
O alcalde consideraba que o marketplace podería ser unha boa iniciativa para apoiar o comercio local. Porén, entende que sería “unha auténtica temeridade” iniciar un proxecto que desaconsellan os técnicos municipais e cuxa subvención podería estar en risco, e comprometería seriamente as arcas municipais”.

