• A candidatura ‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ promovida pola Xunta de Galicia é a proposta conxunta de España para a súa presentación ante a Unesco
• Arias subliña que “tanto o Partido Popular coma Galicia cremos nas posibilidades da Ribeira Sacra, un territorio singular que conta con gran riqueza patrimonial, paisaxística, cultural, social e enogastronómica”
• O Goberno galego ten investido dende o 2017 preto de 8M€ na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo
A deputada do Grupo Popular, Raquel Arias, interésase no Parlamento de Galicia por coñecer cales son os seguintes pasos que vai dar a Xunta de Galicia en relación coa candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Con ese obxectivo formulará, o vindeiro mércores no Pleno, unha pregunta ao titular de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos.
A popular destaca que “a candidatura ‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ promovida pola Xunta é a proposta conxunta de España para a súa presentación ante a Unesco e optar así a ser recoñecida como Patrimonio Mundial”.
Raquel Arias subliña que “tanto o Partido Popular coma Galicia cremos nas posibilidades da Ribeira Sacra, un territorio singular que abarca 22 municipios e unha grande extensión (16.000 hectáreas que contan cunha declaración BIC de Paisaxe Cultural) situada ao sur da provincia de Lugo e ao norte de Ourense e que conta con gran riqueza patrimonial, paisaxística, cultural, social e enogastronómica”. De feito, “é unha das maiores riquezas de España e por iso se merece este recoñecemento”, engade.
A popular trasladou o seu recoñecemento ao traballo do equipo técnico redactor e á implicación de tódolos axentes que apoian a candidatura que se está a completar de cara á súa avaliación polos órganos consultivos da Unesco e a súa valoración polo Comité do Patrimonio Mundial no segundo semestre do 2026.
Tras a celebración de diversas reunións sectoriais e veciñais para recoller a información sobre o eido vitivinícola, a hostalería, o turismo e a conservación do medio natural, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou o expediente da candidatura ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, o pasado 20 de setembro en París. Deste xeito, o pasado 26 de setembro os técnicos do Ministerio de Cultura fixeron a entrega da documentación do primeiro expediente, que se completará cunha nova achega en febreiro de 2025.
A candidatura foi posta en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2017 e dende entón o Goberno galego ten investido preto de 8M€ na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais -igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros- deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.