· Con esta iniciativa os populares queren manifestar “o apoio explícito e institucional da Deputación aos agricultores e gandeiros da provincia, recoñecendo a lexitimidade das mobilizacións e das reivindicacións formuladas en defensa da viabilidade do sector primario”
O grupo provincial do Partido Popular defenderá no próximo pleno ordinario da Deputación unha moción de apoio aos agricultores e gandeiros ourensáns para que se garanta unha competencia xusta e en igualdade de condicións cos produtos que cheguen doutros mercados internacionais. Unha iniciativa coa que se quere manifestar “o apoio explícito e institucional da Deputación aos agricultores e gandeiros da provincia, recoñecendo a lexitimidade das mobilizacións e das reivindicacións formuladas en defensa da viabilidade do sector primario”.
Entre as propostas recollidas na moción figura unha petición aos eurodeputados españois, e de modo especial aos representantes de Galicia, que deben velar polos intereses do sector agrícola e gandeiro galego, para que garantan o cumprimento das salvagardas de competencia xusta, tales como a igualdade de esixencias sanitarias, ambientais e laborais.
Tamén se solicita á Xunta de Galicia a que intensifique o apoio ao sector gandeiro, nomeadamente cun reforzo de maneira inmediata das políticas de sanidade animal, en particular ante o risco e posible expansión de enfermidades como a dermatosis nodular contaxiosa. Preténdese así que se garanta a súa prevención, así como a actualización das táboas de compensación por perdas a prezos de mercado actuais, e o control da fauna salvaxe que afecta ás explotacións. Tamén ínstase á Xunta a que manteña en bo estado os camiños resultantes dos procesos de concentración parcelaria.
Os populares reclaman ademais unha reforma da Politica Agraria Comun (PAC), na que se reduza a burocracia, simplifíquense os procedementos administrativos e haxa unha adaptación á realidade do modelo produtivo na provincia de Ourense, garantindo que as axudas cheguen de maneira efectiva ás explotacións familiares.
Apoio ás medidas impulsadas desde o Goberno provincial
A moción tamén recolle a adopción de medidas por parte da Deputación de Ourense, en liña co acordado cos afectados trala reunión con Luis Menor, como a posta en marcha dun servizo de recollida de plásticos gandeiros e agrícolas para a súa correcta xestión ambiental; a creación dun plan piloto de recría de femias en extensivo, co fin de axudar ao relevo das cabanas gandeiras, e finalmente o impulso do silvopastoreo na provincia como medida para a prevención de incendios forestais.
Entre os acordos propostos tamén se inclúe instar á á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a cumprir de modo efectivo coas súas obrigas de limpeza, conservación e mantemento dos ríos, regatos e cursos fluviais da provincia, co fin de previr desbordamentos, evitar danos nas explotacións agrarias, nos peches e nas infraestruturas públicas, e garantir a seguridade das persoas e a protección da actividade agraria e gandeira.
Outras peticións que inclúe a iniciativa son esixir o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, garantindo que ningún produtor venda por debaixo dos custos de produción e que exista un reparto xusto do valor ao longo da cadea agroalimentaria, ademais de solicitar medidas de apoio ao rural para fixar poboación, mellorar os servizos básicos e á sustentabilidade económica das explotacións, como ferramenta esencial para loitar contra a despoboación e o abandono do territorio.



