HomeOurenseO Grupo Provincial do PP solicita ao Goberno de Sánchez un financiamento...

O Grupo Provincial do PP solicita ao Goberno de Sánchez un financiamento estable para os concellos para poder aplicar a Lei de Benestar Animal

- Anuncio -spot_img

·        A portavoz popular Patricia Torres e o deputado José María Lago explicaron os detalles desta iniciativa, coa que reivindican unha dotación de recursos estable por parte do Estado aos concellos acorde ás novas atribucións que se lles imputa en materia de xestión de colonias felinas, trala entrada en vigor desta lei no 2023

·        Ínstase ao Goberno de Sánchez a que instaure un sistema de financiamento estatal directo, estable e automático para as entidades locais, así como unha distribución dos fondos baixo criterios obxectivos baseados no número de habitantes para garantir unha asignación equitativa e proporcional

·        Mentres, solicítase que a Deputación habilite medidas de apoio a nivel provincial para colaborar cos concellos de menos de 10.000 habitantes, nestas competencias, con axudas que oscilan desde os 1.000 euros ata os 4.000 euros segundo criterios de poboación

O Grupo Provincial do PP solicita ao Goberno de Sánchez un financiamento directo para os concellos para que poidan aplicar a Lei de Benestar Animal, aprobada no 2023, atribuíndo novas obrigas ás entidades locais en materia de xestión das colonias felinas sen unha dotación de recursos estable por parte do Estado para que poidan levar a cabo estas novas atribucións.

A portavoz do Grupo Provincial do PP, Patricia Torres,  e o deputado provincial José María Lago explicaron os detalles desta iniciativa na que destacaron que estas circunstancias se agravan para os concellos rurais e de menor poboación que, co financiamento existente de axudas en concorrencia competitiva, teñen dificultades para acceder aos recursos necesarios, causando desigualdades territoriais e impedindo unha aplicación efectiva desta norma.

A aprobación desta Lei, que non foi acompañada por un marco económico suficiente, demostra, unha vez máis, “o descoñecemento total por parte do PSOE e dos seus socios de Goberno, da realidade do noso rural e da xestión municipal”, asegurou Patricia Torres, quen reivindicou “a crecente carga” de responsabilidades que teñen que asumir os concellos sen que vaian acompañadas “de recursos”.

O custo medio por animal é de 260 euros (esterilización e identificación por microchip) que, sumado ao elevado número de animais en colonias felinas, estas actuacións poden xerar importantes desequilibrios económicos nas arcas municipais. Condicionada esta situación, ademais, pola extensión territorial, dispersión poboacional, e o carácter rural de cada concello, que poderían incrementar estes custes.

Polo tanto, desde o Grupo Provincial do PP ínstase ao Goberno de Sánchez a que instaure un sistema de financiamento estatal directo, estable e automático para a asunción con garantías deste servizo por parte das entidades locais, así como unha distribución dos fondos baixo criterios obxectivos baseados no número de habitantes para garantir unha asignación equitativa e proporcional, tendo en conta criterios como os anteriormente mencionados (extensión territorial, dispersión poboacional ou o carácter rural do concello).

Así mesmo, solicítase que se implante un sistema simplificado de xustificación dos fondos e ínstase a que a Deputación habilite medidas de apoio a nivel provincial para colaborar cos concellos de menos de 10.000 habitantes, na asunción das competencias desta normativa. Esta liña de axudas iría dos 1.000 euros ata os 4.000 euros segundo criterios de poboación.

Publicacións Relacionadas