HomeOurenseOurenseO Grupo Provincial Popular presenta unha iniciativa para impulsar o termalismo terapéutico...

O Grupo Provincial Popular presenta unha iniciativa para impulsar o termalismo terapéutico como recurso sanitario estratéxico

- Anuncio -spot_img

·        A proposta dos populares pretende que se elimine a equiparación das actividades balnearias con actividades de lecer, tal e como establece a lei actual, e que se abra a porta á incorporación progresiva das terapias balnearias á carteira nacional de servizos sanitarios, ademais da comunidade autónoma

O Grupo Provincial Popular na Deputación de Ourense presentou unha moción, para o seu debate no pleno de febreiro, na que propón á Corporación adoptar un acordo para impulsar o termalismo terapéutico como un recurso sanitario estratéxico.

A iniciativa xorde do recoñecemento da provincia de Ourense como un referente histórico e natural en termalismo, cunha tradición consolidada no uso terapéutico das súas augas, o cal pode ser un instrumento complementario no ámbito sanitario. Neste sentido destaca a iniciativa popular que en países como Portugal, Italia ou Francia a balneoterapia xa é parte dos seus sistemas de saúde ou seguros médicos.

Polo que respecta a España, o Real Decreto 1030/2006 exclúe as actividades balnearias da carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde ao equiparalas con actividades de lecer.

Esta consideración da balneoterapia como actividades alleas ao ámbito sanitario reflicte un prexuízo cara ao contido e significado das actividades terapéuticas desenvolvidas nos establecementos balnearios. Así, esta moción busca liderar a reivindicación dunha visión moderna do termalismo como un activo estratéxico para a saúde pública e o desenvolvemento territorial sostible, aproveitando o potencial de Ourense nesta materia.

O Grupo Provincial do PP propón, neste sentido, que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) solicite ao Goberno de España a supresión do termo “balneario” do artigo 5.4 do citado Real Decreto para evitar a súa equiparación con actividades non sanitarias. Unha posición que o presidente da Deputación de Ourense e presidente da Sección de Vilas Termais da FEMP, Luis Menor, xa defendeu en reunións recentes.

Tamén se pide á Xunta de Galicia que estude a inclusión progresiva das terapias balnearias na carteira complementaria de servizos da Comunidade Autónoma, unha vez modifíquese a normativa estatal.

Publicacións Relacionadas