HomeOurenseO Inorde presenta a dixitalización como impulso á candidatura da Ribeira Sacra...

O Inorde presenta a dixitalización como impulso á candidatura da Ribeira Sacra no Dixital Tourist 2021

- Anuncio -spot_img

Emma González participou hoxe, en Benidorm, na mesa redonda sobre “Mellores prácticas dixitais nas cidades Patrimonio da Humanidade”, onde expuxo que o proxecto “Destino Turístico Intelixente” da Deputación de Ourense reforzará dita candidatura

Baixo o título “ Next Generation for Smart Destinations”, este congreso organizado por AMETIC foi o lugar de encontro para que os operadores públicos e privados debatan sobre as solucións tecnolóxicas e dixitais para afrontar os retos do sector, mellorar a competitividade e desenvolver un modelo sostible a longo prazo

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de presentar hoxe a dixitalización como impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade no congreso “Dixital Tourist 2021”, o encontro de referencia dos Destinos Turísticos Intelixentes que organizou AMETIC, a patronal da industria dixital española, os días 3 e 4 de xuño, en Benidorm.

A participación na IV edición deste congreso correu a cargo da xerente do Inorde, Emma González, quen expuxo que o proxecto “Destino Turístico Intelixente” da Deputación de Ourense vai permitir reforzar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, asegurando que “temos vocación de que o patrimonio da Ribeira Sacra sexa verdadeiramente de toda a Humanidade, e para iso a tecnoloxía axudaranos a desenvolver unha xestión sostible do destino e a preservar a nosa paisaxe cultural e patrimonial”.

Ao fío disto, Emma González lembrou que a reactivación da candidatura iniciouse no ano 2013 por iniciativa do presidente da Deputación de Ourense e desde entón pasou xa pola necesaria declaración da paisaxe cultural como BIC no ano 2018 e a Resolución adoptada o 5 de abril de 2019 para decidir que esta fose candidatura única de España a World Heritage pola UNESCO. E, precisamente onte, facíase público que, co fin de robustecer a candidatura, aprazábase estratexicamente o último paso na presentación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra ao Comité de Patrimonio Mundial.

A dixitalización dos recursos permite xerar “un maior coñecemento deste rico patrimonio e a necesidade nas persoas de vir vivilo e experimentar tanto contornas como monumentos emblemáticos do noso territorio”, destacou Emma González, quen puxo como exemplo as aplicacións de realidade virtual e realidade aumentada como ferramentas que “nos permitirán poñer en valor os nosos grandes referentes patrimoniais, nunha provincia con máis de 70 declaracións de Bens de Interese Cultural”.

En canto á xestión turística sostible, a xerente do Inorde explicou que a provincia de Ourense, e a Ribeira Sacra en concreto, parten coa vantaxe de que “conservan intacta a súa autenticidade, polo que son destinos que contan xa cuns indicadores de sustentabilidade positivos”. Para o goberno provincial a transformación competitiva no sector turístico en Ourense “está encamiñada a afrontar o reto demográfico mediante a fixación de poboación, pero sen perder a esencia do destino”.

Por tanto, “a oportunidade e o reto é dobre: por unha banda, debemos manter a esencia desa paisaxe cultural e a experiencia integradora do visitante no modelo de vida da poboación local e, doutra banda, redistribuír eses fluxos turísticos cara a outros moitos recursos valiosos da provincia de Ourense”, explicou Emma González, quen insistiu en que se debe “evitar que a experiencia do turista choque coa conservación e que, pola contra, ha de ser capaz de optimizala mediante unha experiencia persoal non invasiva, pero si inmersiva”.

A súa intervención formou parte da mesa redonda “Mellores prácticas dixitais nas cidades Patrimonio da Humanidade”, onde compartiu espazo con responsables de diferentes entidades públicas e privadas para intercambiar experiencias e analizar o papel fundamental que xogan as tecnoloxías dixitais e emerxentes para reactivar o turismo e garantir a súa rendibilidade futura en numerosas zonas do mundo tras a crise da pandemia.

O seu panel estivo moderado por Antonio López de Ávila, CEO de Tourism Data Driven Solutions, e nel, a xerente do Inorde compartiu espazo coa coordinadora da Comisión de Turismo do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade españolas e Delegada de Turismo do Concello de Mérida, Pilar Amor; o concelleiro de turismo do Concello de Ávila, Carlos López; e o director gerenal de GVAM, Jaime Solano.

Dixital Tourist 2021

Baixo o título “ Next Generation for Smart Destinations”, o congreso “Dixital Tourist 2021”, permitiu debater sobre as solucións tecnolóxicas e dixitais para afrontar os retos do sector, mellorar a súa competitividade e desenvolver un modelo sostible a longo prazo, proporcionando unha contorna para o intercambio e o networking entre os destinos turísticos intelixentes e o sector privado.

Dentro da programación da primeira xornada do evento celebrouse a reunión da comisión plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, RDTI, da que forma parte a Deputación de Ourense. E, na segunda xornada, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto presentou un dos proxectos máis relevantes do PRR de Turismo, a “Plataforma de Destinos Intelixentes”.

A peza crave das temáticas abordadas neste evento foron os fondos destinados ao sector turístico, como os xa existentes de Red.es e os de Turismo Sostible aos que se unirán outros procedentes dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea. Estes fondos diríxense á dixitalización e á sustentabilidade dos Destinos Turísticos Intelixentes.

Publicacións Relacionadas