O obxectivo deste novo formato dixital para as subvencións é reducir a carga administrativa e axilizar os prazos de instrución e valoración de expedientes
O presidente provincial e a deputada da área de Benestar, Patricia Torres, valoran o “éxito” do modelo, resultado da cooperación e do diálogo constante con entidades sociais
O novo modelo dixital da Deputación de Ourense para a xestión de axudas públicas a proxectos sociais recibe récord de solicitudes, con máis de medio cento de proxectos presentados que suman un valor de 1,8 millóns de euros na convocatoria de 2025, presentada hai apenas dous meses. Trátase dun novo formato das subvencións a iniciativas en concorrencia competitiva, impulsado pola área de Benestar, e que permite a redución da carga administrativa e a mellora da eficiencia, traducíndose na redución dos prazos de instrución e valoración de expedientes.
O presidente da Deputación, Luis Menor, e a deputada da área de Benestar, Patricia Torres, valoran este primeiro “éxito” do modelo, resultado da cooperación e do diálogo constante cos responsables de entidades sociais. O pasado 10 de xuño, Menor e Torres reuníanse nunha xornada de traballo Centro Cultural Marcos Valcárcel con representantes de entidades sociais da provincia para poñer no seu coñecemento o novo modelo e atender as súas demandas.
O prazo de presentación de proxectos 2025 ao financiamento provincial en concorrencia competitiva rexistrou unha cifra máxima que acadou os 54 proxectos presentados por entidades sociais, moi superior aos preto de 40 proxectos presentados o exercicio anterior.
As entidades obterán, de media, o 77% da financiación total
Os 54 proxectos presentados polo terceiro sector necesitan un financiamento total de 1.798.786 euros para a súa posta en marcha; segundo o exposto polas asociacións na documentación referente a diferentes fontes de financiamento, fondos propios, fondos estatais, fondos autonómicos e fondos locais.
Así, o financiamento solicitado á Deputación de Ourense suma 450.937 euros para unha convocatoria dotada con 350.000 euros, o que significa que de media as entidades sociais obterán o 77% do cofinanciamento provincial solicitado.
Ademais, ata 35 entidades poderán abordar as súas iniciativas sociais coa totalidade dos fondos públicos da Deputación, xa que as súas propostas obterán o 100% do financiamento solicitado.

