O Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, acollerá o domingo, 6 de agosto, a XIV Regata Avión-Castrelo de Miño, proba puntuable para a Copa Deputación de Piragüismo e na que se darán cita máis dun cento de deportistas de cinco equipos ourensáns.
O vicepresidente segundo, César Fernández, coñeceu os detalles desta proba no Pazo Provincial durante un encontro no que participaron o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez; o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández; e o presidente do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés.
Nas augas do Miño reuniranse o domingo 122 padexeiros dos equipos Fluvial Allariz, Sociedade Cultural Fontefría de Muíños, Fluvial O Barco, Piragüismo Ourense e club organizador, o Fluvial Avión-Castrelo de Miño.
A regata terá tres distancias: 1.000 metros para as categorías prebenxamín, benxamín e alevíns; 2.000 para infantís; e 4.000 metros para cadetes.