O Partido Popular de Calvos de Randín denuncia publicamente o abuso de autoridade e mentiras ós veciños e veciñas por parte do alcalde.
O día 14/12/2023, o alcalde dispuxo un bando, vía urxente, informando que “aquel veciño, familiar ou coñecido que quixera manter o servizo de auga potable, debería de pasar por dependencias municipais para así solicitar a instalación de contadores e que de non ser así quedaría sen este servizo”.
O voceiro do PP, José Antonio Valencia Valencia, lamenta esta falta de transparencia e información por parte do Concello neste e en moitos outros casos tan importantes para a veciñanza, como é o do servizo de auga. “Servizo, por certo, que os propios veciños levaron ata os seus pobos. Por iso, esta situación crea un desconcerto e incerteza na maioría dos veciños debido a que non saben se terán que acabar pagando polo seu propio traballo”, explica o portavoz popular.
“Desde o PP de Calvos de Randín, comunicámoslles aos veciños que o Concello soamente pode obrigar a por contadores nos núcleos onde ten a titularidade da auga. Todo aquel pobo que teña constituída e rexistrada una comunidade de usuarios de augas, son eles os que a xestionan, se por calquera motivo se quixera pasar ao Concello, teríase que aprobar na correspondente asemblea”, explica o voceiro do PP, José Antonio Valencia Valencia, que se pon a disposición dos veciños e veciñas do Concello para calquera trámite ou asunto que precisen.