· O representante popular afirma que con esta demanda faise eco das protestas que lle fai chegar a veciñanza de Calvos, Muíños “e mesmo das zonas limítrofes de Portugal, que utilizan asiduamente esta estrada”
· Explica que as fochancas e ata as pequenas gabias que atravesan a calzada “fan que esta estrada estea case impracticable, sobre todo nun tramo de preto de 700 metros”
· Anunciou que tras a xestións realizadas ante a Deputación, a institución provincial mellorará a sinalización horizontal na estrada que une Calvos, Os Blancos e Xinzo de Limia
O Partido Popular de Calvos de Randín reclama ao goberno local socialista o arranxo da estrada que conecta a capitalidade do Concello co veciño municipio de Muíños e coa fronteira con Portugal, debido ao lamentable estado de abandono que presenta esta vía de titularidade municipal, denuncia o portavoz popular José Antonio Valencia.
O representante do PP afirma que con esta demanda faise eco das protestas que lle fai chegar a veciñanza de Calvos, Muíños “e mesmo das zonas limítrofes de Portugal, que utilizan asiduamente esta estrada e teñen que padecer importantes deficiencias no firme pola súa total falta de mantemento”.
As fochancas e ata as pequenas gabias que atravesan a calzada “fan que esta estrada estea case impracticable, sobre todo nun tramo de preto de 700 metros”, explicou. O abandono da vía, incidiu, “obsérvase perfectamente no límite con Muíños, pois mentres neste municipio o firme está en perfectas condicións, nada máis deixar atrás este concello e entrar en Calvos de Randín aparecen as deficiencias”.
José Antonio Valencia reclámalle ao goberno local que procure unha pronta solución a esta estrada, “pero ademais a outras vías municipais que tamén presentan problemas e que, de seguir no actual estado de desatención, seguro que sufrirán o mesmo deterioro”.
MELLORA DA SINALIZACIÓN HORIZONTAL ENTRE CALVOS DE RANDÍN, OS BLANCOS E XINZO DE LIMIA.
Tamén no ámbito das infraestruturas, José Antonio Valencia avanzou o resultado das xestións que realizou ante a Deputación de Ourense para a mellora da seguridade viaria na estrada provincial que une Calvos de Randín cos Blancos e Xinzo de Limia. Unha vía “na que se precisa unha actuación sobre a sinalización horizontal para que estea en óptimas condicións”, sinalou.
Anunciou neste sentido que a área de Infraestruturas da institución provincial procederá neste exercicio e no próximo ano ao repintado da sinalización na calzada naqueles puntos onde necesita que se reforce a súa función para a seguridade do tráfico.