· A secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas, afirmou que esta política do Goberno central despreza aos habitantes dos pequenos concellos e “convértenos en cidadáns de segunda; non imos permitir un agravio máis”
· A portavoz do grupo provincial do PP, Patricia Torres, lamentou que haxa quen considere “bo para os cidadáns o peche dos cuarteis”, cando tales decisións, destacou, obedecen á falta de efectivos, ao redor dun cento en toda a provincia
O PP de Ourense congregou ante o cuartel da Garda Civil de Bande a membros da dirección popular, alcaldes e portavoces do partido, parlamentarios autonómicos, deputados nacionais e senadores nunha nova concentración para esixir que o Goberno central poña freo ao desmantelamento dos servizos que presta a Garda Civil nas zonas rurais da provincia. Unha situación que se traduce na falta de axentes, desaparición de unidades e o peche total ou parcial de cuarteis.
“Coa seguridade do rural non se xoga e o rural non se cala”, advertiu a secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas, quen afirmou que o partido seguirá loitando contra unha política que despreza ao mundo rural “e que nos convirte en cidadáns de segunda; non imos permitir un agravio máis”.
Como alcaldesa, Sandra Quintas puxo como exemplo o propio cuartel de Bande, que só abre mércores e domingos, de 09.00 a 14.00 horas (antes luns, mércores e venres). Na provincia de Ourense, cun elevado grao de dispersión poboacional, só abren en quenda de noite catro cuarteis -O Carballiño, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras e Verín- de entre preto de 40 postos, denuncian os populares. Así, case a totalidade dos cuarteis permanecen pechados, con atención presencial durante cinco horas polas mañás, dous ou tres días á semana.
O Partido Popular, engadiu a secretaria xeral, continuará coas mobilizacións dos seus representantes políticos ata que se paralice este “desprezo” ao rural. Neste sentido lembrou que o pasado ano xa denunciaron a situación ata en catro ocasións e agora xa van outras tantas en todas as institucións, só obtendo silencio e falta de claridade e contundencia nas respostas do Goberno. “O apoio da Garda Civil para nós é esencial”, remarcou.
PATRICIA TORRES: “RECOLLEMOS AS INQUEDANZAS QUE NOS TRANSMITE A VECIÑANZA”
Estas mobilizacións non son froito dunha lea política, puntualizou entre tanto a portavoz do grupo popular provincial, Patricia Torres: “Coas nosas iniciativas recollemos a preocupación que nos transmite a veciñanza, e mesmo os propios axentes da Garda Civil”. Neste sentido lembrou que xa levaron dúas mocións ao Pleno da Deputación nas que se solicitaba o reforzo de efectivos e medios na provincia.
Patricia Torres lamentou que haxa quen dentro do Corpo considere “bo para os cidadáns o peche dos cuarteis”, nunhas declaracións recollidas estes días nun medio de comunicación e que entende “profundamente desafortunadas”, cando tales decisións obedecen “á falta de efectivos, ao redor dun cento en toda a provincia”.
A portavoz provincial, que defendeu o labor dos axentes da Garda Civil que prestan os seus servizos no rural, cualificou como “un insulto á poboación” que ante unha emerxencia de seguridade as alternativas sexan a atención telefónica ou a través dunha aplicación dixital (AlertCorps).
DETERIORO DOS CUARTEIS
Os populares ourensáns tamén denunciaron o mal estado de conservación no que se atopan os cuarteis, mentres o Goberno central deixa sen executar obras nos postos financiadas con fondos europeos: en 2022 non se executou un só euro dun orzamento de máis de 1 millón; e no ano seguinte só executáronse case 111.000 euros dunha partida de máis de 2,6 millóns.