HomeOurenseOurenseO PP de Ourense contrapón o “caos inmobiliario” xerado polo Executivo de...

O PP de Ourense contrapón o “caos inmobiliario” xerado polo Executivo de Sánchez fronte ás medidas “claras e contundentes” do Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda

- Anuncio -spot_img

·      O presidente provincial, Luis Menor, afirmou na clausura que a vivenda é a maior preocupación da cidadanía “en España, en Galicia, en Ourense, e por suposto tamén Xinzo de Limia”, con máis de 4.300 vivendas baleiras, o que a converten no segundo concello da provincia tras a capital con máis pisos deshabitados, e unha oferta inmobiliaria para aluguer practicamente inexistente

·      O coordinador da Área de Vivenda do PPdeOU, Benito Iglesias, xunto aos membros deste órgano Sonia Ogando e Pilar Fernández, abordaron a necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda e detallaron a política que desenvolve o equipo de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia

O Partido Popular de Ourense celebrou esta mañá en Xinzo de Limia a terceira das xornadas organizadas pola Área de Vivenda do PP e na que se puxo de manifesto o “caos inmobiliario” xerado polo Goberno de Sánchez, fronte ás medidas “claras e contundentes” adoptadas pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda. Un encontro que se desenvolveu na Casa da Cultura e no que participaron, xunto ao presidente provincial Luis Menor, o coordinador da Área de Vivenda do PPdeOU, Benito Iglesias; a concelleira do Concello de Ourense, Sonia Ogando; e Pilar Fernández, directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Na clausura deste novo encontro, tamén coa presenza da secretaria xeral, Sandra Quintas, e a parlamentaria autonómica Cristina Camporo, o presidente provincial, Luis Menor, incidiu na necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda “pola enorme inseguridade xurídica creada e o fracaso da práctica totalidade das súas medidas”. Un preocupante escenario que revela a “incapacidade” de Sánchez para abordar este problema, mentres que en Galicia o goberno que preside Alfonso Rueda impulsa liñas de axuda, programas e medidas “que facilitan a unha sociedade en crecemento o acceso a un fogar digno, accesible e adaptado ás súas necesidades”.

A vivenda é a maior preocupación da cidadanía “en España, en Galicia, en Ourense, e por suposto tamén aquí, en Xinzo de Limia”, destacou Luis Menor comentando as cifras expostas na xornada: máis de 4.300 vivendas baleiras na vila antelá, o segundo concello da provincia tras a capital con máis pisos deshabitados, e unha oferta inmobiliaria para aluguer practicamente inexistente.

Un crecente parque de vivendas baleiras “porque os propietarios non arriscan” ante a inseguridade xurídica provocada pola Lei Estatal de Vivenda, e que ten como principais afectados á mocidade, os maiores e aos traballadores, que ven limitada a súa mobilidade laboral ao non atopar vivenda.

SOLUCIÓNS REAIS ANTE A INSEGURIDADE XURÍDICA

Benito Iglesias, encargado de abrir a xornada, afirmou que os gobernos teñen a obriga de xerar confianza entre os propietarios para mobilizar máis vivenda, “o que non fai o executivo de Pedro Sánchez”. Nesta liña contrapuxo o sentido de responsabilidade do PP, que propón medidas como crear máis solo, facer máis vivenda protexida e poñer en marcha rebaixas fiscais.

Doutra banda, Sonia Ogando, falou da inseguridade xurídica provocada pola Lei Estatal de Vivenda, que está a causar un enorme prexuízo no mercado inmobiliario, especialmente no de aluguer. Ogando abordou a necesidade de medidas para garantir o abono da renda aos propietarios, a seguridade á hora de reclamar ou cobrar o custo de posibles danos. “Actualmente, o noso ordenamento xurídico non é quen de garantir á cidadanía o desfrute tranquilo e pacífico da súa vivenda”.

Pilar Fernández, en tanto, repasou as principais liñas de axuda habilitadas pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso á vivenda, como o programa Fogar Vivo, para mobilizar vivenda baleira mediante incentivos; as axudas a promotores; para adquisición de vivenda e avais entre a mocidade; e as axudas para rehabilitación no rural en municipios de menos de 5.000 habitantes, aprobadas este luns polo Consello da Xunta. “Desde o PP e a Xunta de Galicia estamos comprometidos con solución reais que faciliten o acceso a unha vivenda digna para a xeración que máis o necesita”, concluíu.

Publicacións Relacionadas