· O presidente provincial, Luis Menor, destaca a traxectoria de 45 anos de experiencia de Pardinas, ata hai pouco fiscal de violencia de xénero, como un activo fundamental para o proxecto popular
· A iniciativa nace para poñer o talento e o bagaxe de profesionais xubilados ao servizo da sociedade ourensana e do envellecemento activo
O Partido Popular de Ourense continúa a fortalecer a súa estrutura orgánica e social coa incorporación de perfís de recoñecido prestixio. O presidente provincial, Luis Menor, anunciou hoxe a integración no proxecto do exfiscal Julián Pardinas Sanz (Ourense, 1953), quen ata o pasado mes de novembro exerceu como fiscal de violencia de xénero tras unha dilatada carreira de 45 anos de experiencia na xustiza.
Pardinas integrarase nun novo equipo de traballo denominado “Sénior en Acción”, unha plataforma deseñada polo PP de Ourense para sumar a persoas xa xubiladas que contan cunha gran experiencia en diversas materias. O obxectivo é que este capital humano poña o bagaxe acumulado durante a súa vida laboral ao servizo do partido e de toda a sociedade ourensana, con especial foco na defensa dos intereses dos maiores e o impulso dun envellecemento activo e produtivo.
PARTIDO ABERTO AO TALENTO
O presidente provincial, Luis Menor, deu a benvida a Julián Pardinas e felicitouno por dar este paso á política activa, asegurando que o PP de Ourense é o lugar idóneo para quen quere seguir sumando dende a experiencia.
“O partido está vivo e, a medida que imos deseñando o noso proxecto, resulta máis atractivo para máis persoas que, como Julián, deixan atrás unha profesión pero queren seguir axudando, agora dende outra perspectiva, á sociedade”, sinalou Luis Menor.
O líder dos populares ourensáns avanzou que esta non será a única incorporación de relevo, xa que o proxecto provincial seguirá a sumar vontades para construír unha alternativa sólida e pegada á realidade da rúa. Coa posta en marcha de “Sénior en Acción”, o PP de Ourense reivindica o papel fundamental das persoas maiores non como suxeitos pasivos, senón como guías estratéxicos para o futuro da provincia.



