A xestora do Partido Popular de Barbadás reuniuse esta mañá nunha convocatoria extraordinaria realizada polo seu presidente, José Manuel Freire Couto, e á que asistiron o presidente provincial, Luis Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas, co obxectivo de analizar a situación política actual do Concello.
Tralo remate da xuntanza, o Partido Popular expresa:
- O seu apoio total e absoluto ás vítimas de acoso laboral ou de calquera outro tipo, amosando solidariedade e respaldo sen matices.
- A Defensa do principio constitucional de presunción de inocencia, que debe amparar a calquera cidadán, incluído o alcalde denunciado, mentres non exista resolución xudicial.
- O Partido Popular de Barbadás atópase nestes momentos onde estivo sempre e onde o situaron os cidadáns nas últimas eleccións municipais: na oposición, sen terse movido desa posición en ningún momento. O PP defenderá desde ela os intereses xerais da veciñanza de Barbadás e mantense aberto ao diálogo con calquera forza política, sempre desde o respecto institucional e democrático.



