HomeOurenseO PP de Taboadela denuncia a perda de máis de 48.000 euros...

O PP de Taboadela denuncia a perda de máis de 48.000 euros para un tractor pola “nefasta xestión” do Goberno municipal

- Anuncio -spot_img

·        A Xunta de Galicia retirou a subvención tras asinar o Concello unha acta de “non recepción” dun vehículo que xa fora adquirido.

·        O Concello acudiu á vía xudicial contra a administración autonómica, perdendo o recurso contra a decisión da administración autonómica e obrigando á veciñanza a asumir o custo total do tractor pola falta de dilixencia do alcalde

O Grupo Municipal do Partido Popular de Taboadela denuncia o prexuízo económico causado ás arcas municipais tras confirmarse, na Comisión Especial de Contas, a perda definitiva dunha subvención por importe de 48.333,33 euros destinados a un tractor.

A portavoz do PP de Taboadela, Noelia Quintana, explica que detectaron esta situación durante a revisión da Conta Xeral do exercicio 2025. cando observaron o reintegro dunha subvención por un importe superior aos 48.000 euros. Esta contía, detallou a portavoz popular, corresponde á parte que a Consellería do Medio Rural debía sufragar, segundo o convenio asinado coa Deputación e o propio Concello, para a adquisición dun tractor no ano 2023, destinado a traballos de prevención e loita contra os lumes forestais.

Ao preguntar polo motivo desta devolución, sinala Noelia Quintana, “a explicación do alcalde revelou unha cadea de erros administrativos sorprendentes”, como que non se realizou a acta de recepción do ben en tempo e forma, e que o secretario-interventor chegou a asinar un documento de acta de “non recepción”.

Ao certificar oficialmente que o ben “non fora recibido”, a Xunta de Galicia “deu por non xustificada a axuda, entendendo que o tractor non existía e procedendo a denegar o pago”.

Noelia Quintana expresa ademais a súa sorpresa polo feito, “aínda máis grave”, de que que o Goberno local presidido polo socialista Álvaro Vila tentase emendar este erro acudindo á vía xudicial. O Concello presentou un recurso Contencioso-Administrativo contra a Xunta para defender que o tractor si estaba no municipio e que existía factura. “Porén, o alcalde admitiu na Comisión que o Concello perdeu o xuízo, o que obrigou á devolución inmediata dos fondos”.

“É inaudito que os veciños de Taboadela teñan que pagar do seu peto 48.000 euros por unha absoluta falta de control administrativo”, denuncia a portavoz do PP, que non se explica “como se pode asinar un documento dicindo que non se recibiu un tractor que está aparcado no concello”.

Para o PP de Taboadela, este episodio é unha mostra máis da “parálise e o descoido” que sofre a xestión municipal. “Perder unha axuda desta contía por un erro na tramitación dunha acta é un luxo que o noso concello non se pode permitir. Alguén debería asumir responsabilidades políticas por este fracaso xudicial e económico”, conclúe Noelia Quintana.

Publicacións Relacionadas