O alcalde lamenta a falta de apoio ao proxecto por parte da Xunta de Galicia e o goberno de España
Pérez Jácome pon en valor o traballo realizado polos informáticos, que seguirá sendo utilizado polo Concello
Valora licitar o uso do edificio por parte dunha empresa tecnolóxica ou trasladar alí dependencias municipais
O Concello de Ourense procederá á finalización do programa que viña desenvolvendo nas instalacións da Molinera, ao rematar os contratos dos informáticos que o levaban a cabo, e seguirá utilizando os programas e aplicacións deseñadas polo equipo.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lamentaba esta mañá a falta de apoios á iniciativa deseñada polo Concello por parte doutras administracións: “a Xunta de Galicia e o estado español non quixeron esponsorizar este programa, non achegaron financiamento, e sen axuda non se pode seguir”, declarou o rexedor, que fixo fincapé en que o caso deste programa “é un síntoma máis da discriminación que sofre Ourense”, e lembou que “o estado español, co apoio da Xunta de Galicia, levou á cidade da Coruña a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que arrancou con 50 empregados”.
Subliña o alcalde que na Molinera “tivemos uns programadores que realizaron un traballo importante. Moito do software que desenvolveron transferiuse aos servizos informáticos do Concello e seguirase utilizando. O traballo realizado non vai quedar en desuso”, aseverou o rexedor.
Como futuro uso do edificio de La Molinera, o goberno municipal valora dúas opcións: licitalo por un canon aproximado de 10.000 euros ao mes para unha empresa tecnolóxica ou trasladar ao inmoble dependencias municipais. En abril decidirase, avanzou o alcalde.



