- O documento, aprobado polo pleno, pódese consultar no BOP de hoxe e na web do Concello
A cidade de Ourense dótase dun regulamento que dispón os dereitos e os deberes das persoas usuarias do servizo de transporte urtbano colectivo de viaxeiros. Logo de ser aprobada polo Pleno do Concello, a nova normativa publícase no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, venres, polo que entrará en vigor mañá, sábado.
O regulamento ten como obxecto regular a prestación do servizo público de transporte urbano colectivo do Concello, os dereitos e as obrigas das persoas que o utilicen, as relacións entre estas e a empresa ou ente xestor do servizo e desta última co propio concello. Así mesmo, é obxectivo desta regulación avanzar e garantir a accesibilidade universal, a normalización e a autonomía persoal no acceso e utilización do transporte público por parte de todas as persoas usuarias, incluídas aquelas con diversidade funcional.
O Concello de Ourense incorpora así un regulamento do que ata agora carecía. Introduce novidades como a posibilidade de acceder aos vehículos portando animais de compañía, sen aboar suplemento, suxeitos nos receptáculos idóneos, sempre que non supoñan molestias ou perigo para o resto dos usuarios ou para o vehículo. Tamén se permite acceder portando unha bicicleta ou vehículo de mobilidade reducida sen aboar suplemento. O regulamento incorpora medidas para garantir a accesibilidade universal, incorporar novas tecnoloxías e un réxime sancionador, que determina infraccións leves, graves ou moi graves, segundo o caso.
Toda a información en https://bop.depourense.es/portal/cambioIdioma.do