En xuño validáronse 608.000 viaxes, un 7,8% máis que en 2024 e un 33,9% máis que en 2022
As subas “mostran o éxito do servizo: os números falan por si sós”, asegura o goberno municipal, que atribúe a suba aos novos vehículos, ás tarifas baixas e á optimización de liñas
O número de viaxeiros do servizo de autobuses urbanos do Concello de Ourense segue subindo ano tras ano e proxecta superar con folgura a cifra de 7 millóns de validacións (subidas individuais a un autobús municipal) durante o ano 2025. O pasado mes de xuño conseguíronse 608.816 viaxeiros, o que supón un incremento do 7,8% con respecto ao mesmo mes de 2024 (cando tivera 564.930 validacións). O incremento é aínda maior en relación aos meses de xuño de 2023 e de 2022, 551.272 e 454.659 viaxeiros respectivamente, o que supón este xuño de 2025 un incremento diferencial relativo do 10,2% e do 33,9%, respectivamente.
Estas subidas constantes “mostran o éxito do servizo de autobuses municipais: os números falan por si sós”, asegura o goberno local, que analiza como posibles causas 3 motivos:
- A nova frota de 40 buses incorporados en 2023, onde 10 vehículos son eléctricos, os únicos de Galicia
- Estar entre as 5 cidades españolas coas tarifas máis baixas.
- A optimización de rutas ou frecuencias, como no caso da liñas número 6 e 5, ou doutras 4 nas que houbo cambios nese sentido.
O grupo de goberno espera seguir subindo a cifra de viaxeiros no futuro, e de forma considerable “tanto polas novas liñas que se incorporarán este verán como por unha futura gratuidade ao longo de 2026, sempre que o pleno non a obstaculice”.
Sostén a este respecto o goberno local que “do mesmo xeito que os clientes dunha empresa privada, a subida constante de viaxeiros é o mellor indicador do éxito do servizo de autobuses, o cal invalida as críticas da oposición nestes últimos tempos, xa que con este goberno municipal se incrementaron os usuarios con respecto aos gobernos de PP ou PSOE e BNG”