HomeOurenseO Valedor do Pobo insta ao Concello de Ourense a aprobar o...

O Valedor do Pobo insta ao Concello de Ourense a aprobar o regulamento da Policía Local tras unha queixa presentada por Podemos Ourense

- Anuncio -spot_img

O Valedor do Pobo vén de emitir unha resolución na que insta ao Concello de Ourense a analizar a normativa vixente e proceder á aprobación dun regulamento interno de organización e funcionamento da Policía Local, tal e como establece o Decreto 15/2023 da Xunta de Galicia. A resolución prodúcese tras a queixa presentada por Podemos Ourense ante esta institución pola falta de cumprimento desta obriga legal.

O citado decreto establecía un prazo máximo de dous anos para que os concellos adaptasen e aprobasen o seu regulamento interno da Policía Local, prazo que expirou en marzo de 2025 sen que o Concello de Ourense tivese aprobado nin publicado a normativa correspondente.

Na súa resposta ao Valedor do Pobo, o Concello recoñeceu que carece deste regulamento, aínda que xustificou a súa ausencia alegando que a policía local xa conta cunha regulación ampla a nivel estatal e autonómico. Porén, o Valedor do Pobo considera que esta argumentación non xustifica o incumprimento dunha obriga normativa e lembra que as administracións públicas non poden decidir unilateralmente que disposicións legais cumprir e cales non.

O portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, valorou positivamente a resolución e sinalou que “o que queda claro é que existía unha obriga legal e que o Concello non pode simplemente ignorala porque considere que non é necesaria”. Diéguez engadiu que “a seguridade xurídica e o correcto funcionamento das institucións pasan precisamente por cumprir as normas vixentes. Non é aceptable que unha administración pública decida unilateralmente que leis aplica e cales non”.

Desde Podemos Ourense lembran que a existencia dun regulamento interno contribúe a garantir unha maior claridade na organización e funcionamento do corpo policial, así como unha maior transparencia institucional.
“O que pedimos é algo tan básico como que o Concello cumpra a normativa vixente. Non se trata dunha cuestión política, senón de respecto ás regras que rexen o funcionamento das administracións públicas”, afirmou Diéguez.

O Valedor do Pobo deu agora ao Concello de Ourense un prazo dun mes para comunicar se acepta a suxestión formulada e que medidas adoptará para dar cumprimento ao establecido no Decreto 15/2023.
Desde Podemos Ourense estaremos atentas á resposta municipal e reiteramos a necesidade de que o Concello adopte as medidas necesarias para garantir o cumprimento da normativa e reforzar a seguridade xurídica no funcionamento da Policía Local.

Publicacións Relacionadas