A Deputación de Ourense puxo en marcha esta iniciativa que permitiu transformar 13 proxectos de emprendemento no xeodestino, tanto no ámbito da natureza, termalismo, gastronomía, cultura, deporte, en experiencias turísticas
Co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, o obxectivo é crear produtos turísticos en base aos recursos existentes no destino, sendo conscientes de que os visitantes demandan cada vez máis experiencias auténticas e sostibles
Dentro dos emprendementos, os visitantes poden atopar experiencias na natureza, termais, gastronómicas, etnográficas, culturais, de aventura e deportivas e segundo a temática, o visitante poderá elixir entre as opcións ofertadas en cada unha delas Madrid, 26 de xaneiro de 2024.-
O xeodestino “Terras de Celanova-Serra do Xurés” presentou esta mañá en IFEMA, no marco de Fitur 2024, a súa nova oferta de experiencias eco-sostibles. A Deputación de Ourense puxo en marcha esta iniciativa que permitiu transformar 13 proxectos de emprendemento no xeodestino, tanto no ámbito da natureza, termalismo, gastronomía cultura, deporte, en experiencias turísticas.
A través do Inorde -como ente xestor do xeodestino- e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, o obxectivo desta iniciativa é crear produtos turísticos en base aos recursos existentes no destino, sendo conscientes de que os visitantes demandan cada vez máis experiencias auténticas e sostibles. “Trátase de crear produtos turísticos diferenciados que só se poidan gozar neste territorio a través dos emprendedores locais”, explicou a xerente do Inorde, Emma González, encargada da presentación xunto á directora de Promoción Turística de Galicia, Carmen Pita.
Esta iniciativa permite implicar á poboación local no desenvolvemento social e económico do seu territorio ao exercer de guías no destino dando a coñecer os recursos do mesmo e convérteos, por tanto, nos verdadeiros prescritores do destino. Para a creación destas experiencias turísticas, as persoas que lideran as 13 experiencias eco-sostibles neste xeodestino realizaron accións de formación para adquirir ferramentas de márketing que lles permitan conceptualizar e aprender a comercializar mellor o seu actual e/ ou potencial idea de negocio.
Dentro dos emprendementos, os visitantes poden atopar experiencias na natureza, termais, gastronómicas, etnográficas, culturais, de aventura e deportivas e segundo a temática, o visitante poderá elixir entre as opcións ofertadas en cada unha delas. Deste xeito, a oferta actual -aberta a novas incorporacións que así o demanden- inclúe: Visitas guiadas por colmeas e proceso de elaboración (albarizas) con extensión a roteiro dás Chivanas. Baños de bosque, sesións de mindfulness e retiros de sanación. Menú degustación con montaxe de oferta gastronómica de tempada baixa. Roteiros culturais a medida con experiencias culinarias locais. Visitas grupais á quesería e degustación de produtos. Visita polo pobo cos seus respectivos museos etnográficos, fornos e murais. Charla didáctica con visita ás colmeas con degustación de produto e percorrido polo conxunto de canastros. Percorrido histórico: visita polo pobo de Loiro, o seu museo etnográfico e de fotografía. Visita histórica ao museo da gaita con introdución ao baile e música tradicional galega. Roteiro etnográfico do contrabando a Castro Laboreiro, con obradoiros de pan e cestería. Sendeirismo cultural con roteiro guiado de montaña, equinoterapia, roteiros dacabalo polo Xurés e observación de garranos en liberdade.
Multiaventura con sendeirismo, kayac polo encoro e roteiros en bicicleta. Todos eles darán a coñecer en exclusiva a súa oferta cultural e etnográfica enfocándose a un público obxectivo aliñado coa sustentabilidade. Estas experiencias levan consigo o detalle dos seus actuais prácticas ecoamigables, que diminúen a súa pegada e impacto no medio natural. Os municipios que integran este xeodestino son: Cartelle, Barbadás A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola. Para máis información sobre as experiencias: https://ecoexperienciascelanovaxures.com. “Más Ribeira Sacra”, en Fitur 2024
Por outra banda, tamén se presentou en Fitur “Más Ribeira Sacra”, iniciativa do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. O acto centrouse na ampliación do xeodestino coa incorporación de cinco novos concellos no 2023 que son: A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, O Pereiro de Aguiar e San Xoán de Río. Tamén se presentaron as accións sobre mobilidade presentes e futuras do xeodestino.

