O presidente da Deputación de Ourense recibiu hoxe no Pazo Provincial a Avelino de Francisco; Amador Vázquez e Melisa Macía, continuando así a rolda de entrevistas cos rexedores da provincia para explicar as súas liñas estratéxicas de goberno e escoitar os proxectos e demandas que formulan os mandatarios locais
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos alcaldes de Cortegada, Avelino de Francisco; Vilamarín, Amador Vázquez; e maila alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, continuando así a rolda de entrevistas cos rexedores da provincia para explicar as súas liñas estratéxicas de goberno e escoitar os proxectos e demandas que formulan os mandatarios locais.
O alcalde de Cortegada explicou a Luis Menor os plans do seu equipo de goberno en materia de termalismo, un dos principais recursos do concello á hora da súa explotación económica e turística. A colaboración coa Deputación no uso de espazos culturais foi un dos temas tratados entre o presidente provincial e o rexedor de Vilamarín, que solicitou o uso do Pazo de Vilamarín para a celebración de actividades organizadas polo concello.
Melisa Macía, entre tanto, pediu a Luis Menor a cooperación da institución provincial para executar un proxecto de rehabilitación de oito vivendas en Vilariño de Conso, dentro dos seus obxectivos de fixación de poboación no rural.
Menor continuará ao longo dos próximos días coa súa axenda de reunións cos alcaldes, combinando os encontros no Pazo Provincial con visitas aos concellos para coñecer o resultados dos investimentos realizados pola Deputación.