Solicitarán unha reunión co goberno autonómico para poñer en marcha un servizo “esencial” para a veciñanza
“Se algunha vez a Xunta de Galicia quere instalar o transporte metropolitano, o Concello de Ourense en 3 semanas terao todo listo”, asegura Jácome
Os alcaldes de Ourense e Barbadás reclámanlle á Xunta de Galicia a posta en marcha do servizo de transporte metropolitano. Gonzalo Jácome e Xosé Carlos Valcárcel mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo no Concello de Barbadás na que fixeron fincapé na importancia da posta en marcha deste servizo, “esencial” para a cidadanía. Os rexedores solicitarán unha reunión de traballo co goberno autonómico, á que convidarán a asistir os alcaldes e as alcaldesas da comarca, para demandar a activación do proxecto.
Gonzalo Jácome asegurou que o atraso na implantación do transporte metropolitano é responsabilidade da Xunta de Galicia, non do Concello de Ourense: “se algunha vez a Xunta de Galicia quere instalar o transporte metropolitano, o Concello de Ourense en 3 semanas terao todo listo”, asegurou. No caso de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel subliñou que o Concello “ten aprobada toda a normativa que rexe o transporte metropolitano, desde hai 6 anos, cando a Xunta nos dixo que se ía implantar nun mes, antes de que quedara en auga de borrallas. Se a Xunta quere, estaría implementado á voz de xa”, concluiu.
Durante a reunión, que se prolongou durante aproximadamente unha hora, Jácome e Valcarce exploraron tamén vías de colaboración en materia de servizo de extinción de incendios, accesibilidade ou infraestruturas, entre outras.