Os autobuses urbanos do Concello de Ourense serán gratuítos durante unha semana, desde mañá, luns, día 16, até o domingo, 22 de setembro pola celebración da Semana Europea da Mobilidade.
Con esta iniciativa, o Concello quere fomentar o uso do transporte público entre a cidadanía ourensá, de forma que todas as persoas que o desexen poderán viaxar de balde en calquera das liñas que forman a rede regular do transporte urbano de Ourense. A experiencia tamén servirá como unha proba piloto da gratuidade total do servizo, que o goberno municipal quere implantar proximamente na cidade.
O Concello amplía este ano a unha semana de duración esta experiencia de gratuidade dos autobuses urbanos, que xa se levara a cabo durante un día en edicións anteriores da Semana Europea da Mobilidade.

