A programación de actividades do Entroido de Ourense 2026 ocasionará cortes de tráfico que afectarán ás rutas de varias liñas do servizo de autobuses desde o sábado 14 até o mércores 18 de febreiro. O Servizo de Transportes do Concello de Ourense informa ás persoas usuarias das afeccións e percorridos alternativos.
Sábado, 14 de febreiro. Pecharase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a baixada á Praza de Abastos até Concordia, desde as 15:00 horas, ata a madrugada do mércores 18.
- Os autobuses que veñan do Xardín do Posío cara ao Parque de San Lázaro desviaranse pola baixada á Praza de Abastos e Tras Alameda. Desde aí:
- Ata as 22:00 horas: avanzarán por Parada de Justel, Progreso (parada provisional Inorde), Xoán XXIII e Parque de San Lázaro.
- A partir das 22:00 horas (aproximadamente): irán por Doutor Fleming, Ervedelo, Salvador Dalí, Pardo de Cela, Concello e San Lázaro.
- Os autobuses que circulen desde Xoán XXIII (Abanca) cara ao Xardín do Posío irán por Bedoya, avenida de Bos Aires, Pardo Bazán, Serra Martiñá, Nieves Conde, Ramón Puga, José Cornide e a rúa da Coruña.
Domingo, 15 de febreiro: Desfile de Entroido. Debido á colocación de valados de seguridade e á celebración do desfile, os autobuses urbanos deterán o seu servizo a partir das 14:30 horas ata que remate o evento.
Luns, 16 de febreiro: Desfile de Frei Canedo (A Ponte). A partir das 19:15 horas, e mentres dure o desfile, permanecerán pechadas a avenida das Caldas e as rúas de Eulogio Gómez Franqueira e Xesús Pousa.
Martes, 17 de febreiro: Martes de Entroido. Continúa o corte na rúa do Progreso, pero permitirase a circulación por Parada Justel ata as 18:00 horas. Desde esa hora, aplicaranse os mesmos percorridos alternativos ca osábado.
Mércores, 18 de febreiro: Enterro da Sardiña. A partir das 18:00 horas haberá cortes intermitentes ao paso do desfile, que irá pola Praza Maior, Lamas Carvajal, rúa do Paseo e Curros Enríquez (fronte á Subdelegación do Goberno).
Servizo do Tren Turístico. O Tren Turístico tamén verá alterado o seu funcionamento. O sábado 14 e o domingo 15 terá o seu inicio e fin na parada de autobús do Parque de San Lázaro. O domingo, o servizo suspenderase definitivamente a partir das 14:00 horas.



