· Urxen que se traballe na planificación de novos horarios e a venda de billetes das correspondentes frecuencias para que estean operativos a inicios do próximo mes de setembro
· Piden “servizos racionais e útiles que aseguren o dereito á mobilidade, sen discriminacións cos usuarios das grandes cidades”
s deputados do Partido Popular no Congreso pola provincia de Ourense, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, puxeron en marcha unha nova iniciativa parlamentaria coa que esixen a Renfe e ao Goberno novos horarios do AVE na estación Porta de Galicia da Gudiña, que xa estean operativos a inicios do próximo mes de setembro. “Non poden permanecer impasibles e desentenderse desta cuestión logo do clamor cidadán do pasado día 2”, subliña Celso Delgado.
Os deputados preguntan ao Goberno se ten pensado rectificar a “inxusta decisión” que adoptou o pasado 9 de xuño suprimindo paradas do AVE en estacións intermedias do corredor ferroviario do AVE entre Galicia e Madrid, en particular na estación da Gudiña.
“Urxe que Renfe comece a traballar xa na planificación de novos horarios e poñer á venda os billetes das correspondentes frecuencias”, sinala Delgado, que pide “servizos racionais e útiles que aseguren o dereito á mobilidade, sen discriminacións cos usuarios das grandes cidades”.
No seu escrito, os representantes ourensáns do Partido Popular destacan o “clamor reivindicativo” expresado o pasado día 2 por máis de 6.000 persoas nunha multitudinaria manifestación celebrada na Gudiña e organizada pola plataforma “Dereito ao Tren”.
Unha convocatoria, destaca Celso Delgado, onde “a unidade política quedou acreditada dun modo patente”, referíndose deste xeito á presenza na manifestación de representantes de todos os partidos políticos con representación nas institucións, incluídos os presidentes do Parlamento de Galicia e da Deputación de Ourense, conselleiros, altos cargos da Xunta, deputados nacionais, senadores, parlamentarios autonómicos, deputados provinciais, alcaldes, portavoces e concelleiros.
IGUALDADE DE OPORTUNIDADES NO RURAL EN RISCO
O deputado popular lembra que no manifesto lido ante milleiros de persoas denúnciase que o 9 de xuño Renfe puxo en marcha uns novos horarios que eliminaron ata 16 trens que ata entón tiñan parada na Gudiña, “poñendo en grave risco a igualdade de oportunidades no rural”.
“Todos os que alí démonos cita -engadiu Celso Delgado- esiximos horarios que respondas ás necesidades da veciñanza das seis comarcas afectadas e igualdade de condicións con outros territorios e estacións de orixe”.