· “Pasaron xa sete anos da conmemoración do Centenario da Ponte Nova e é moi evidente que esta ponte esixe novas actuacións de limpeza na sillería e peitorís, de eliminación de maleza e pintadas vandálicas, solucionar problemas de humidades baixo os arcos, pintura da estrutura metálica, etc”, sinala o deputado Celso Delgado
Os deputados ourensáns do PP no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana acaban de rexistrar no Congreso esta pregunta escrita dirixida ao Goberno.
Di así:
A “Ponte Nova” de Ourense disponse sobre o río Miño e forma parte da estrada N-120 de titularidade estatal. Recibe este nome para diferencialo da primeira e única ponte da cidade, a ponte romana, ou Ponte Vella.
Foi proxectado polo enxeñeiro de camiños Martín Díez de la Banda en 1909. As obras comezaron en 1910 e a nova estrutura inauguraríase o 20 de xullo de 1918. Consta esta ponte de seis arcos de sillería aplantillada e un tramo metálico central de directriz parabólica. A disposición é complexa: de esquerda a dereita, atopamos tres arcos de medio punto de 12 metros de luz; un arco de tipo carpanel de 25 metros de luz; un arco de directriz parabólica triarticulado na clave e nos apoios, cunha bóveda formada por catro nervios metálicos arriostrados entre si; outro arco carpanel de 25 metros; e outro arco de medio punto de 12 m.
O 8 de maio de 2018 o Ministerio de Fomento a cuxo fronte estaba Iñigo de la Serna, con motivo do Centenario da posta en servizo da “Ponte Nova” en Ourense, publicou unha nota de prensa dando conta de que estaba a executar diversas actuacións para a reparación e posta en valor desa estrutura singular. Dicía que “o orzamento aproximado desta actuación ascende a 100.000 euros. Actualmente estanse realizado actuacións de limpeza da sillería e peitorís da ponte. Tamén se están facendo labores de despexe de vexetación ao redor da estrutura. Ao longo dos próximos meses está previsto reparar o firme na ponte e as súas proximidades e realizar un repintado do mesmo. Tamén se reparará e mellorará a iluminación desta estrutura para realzar o seu carácter monumental”
Estas actuacións foron executadas en 2018 e realzaron este monumento icónico dentro do patrimonio arquitectónico de Ourense. Un selo de Correos emitido ese mesmo ano dentro da serie denominada «Efemérides» conmemorou coa imaxe desta ponte o seu Centenario.
Pasaron xa sete anos da conmemoración daquel centenario e é moi evidente que esta ponte esixe novas actuacións de limpeza na sillería e peitorís da ponte, de eliminación de maleza e de pintadas vandálicas realizadas por desaprensivos, solucionar problemas de humidades baixo os arcos, etc.
Procede pois que o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible (MITMS) sexa sensible e proxecte e execute estas actuacións.
Debe tomar bo exemplo o MITMS dos traballos contratados pola Xunta de Galicia e finalizados en setembro de 2025 para o mantemento dos paramentos e taxamares da “PonteVella” de Ourense que incluíron a retirada manual da vexetación e maleza nos paramentos de cantería, así como a limpeza das xuntas coa eliminación de terra e raíces.
Por todo o anterior, preguntamos.
¿Comprometerase o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible a executar no ano 2026 na “Ponte Nova” de Ourense as tan necesarias actuacións de limpeza da sillería e peitorís, de eliminación de maleza e pintadas, solucionar problemas de humidades baixo os arcos, etc.?



