Os descontos nos autobuses urbanos de Ourense seguirán vixentes até fin de ano

adminON
Lectura mínima de 6

As viaxes serán gratuítas para nenos e nenas até 14 anos desde o 1 de xullo até o 31 de decembro

A Xunta de Goberno Local aprobou 36 acordos na súa sesión ordinaria

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 36 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que se desenvolveu no mediodía de hoxe no salón de plenos. Entre eles, deulle o visto e prace ás bases que rexerán o concurso de Maios e Coplas 2025 e á prórroga até fin de ano dos descontos actualmente vixentes no servizo de autobuses urbanos, co-financiados polo Concello e o Ministerio de Transportes. Ademais, desde o día 1 de xullo até o 31 de decembro, os autobuses serán gratuítos para a poboación infantil, até os 14 anos de idade.

Licenzas (8). Conceder 5 licenzas de obra: para o acondicionamento de local para unha praza de garaxe nun edificio na rúa Vázquez Núñez; para a instalación dun elevador no colexio Divina Pastora Franciscanas, na rúa Cardeal Quevedo; para a reforma e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa Moucho; para a reforma dun portal e a modernización do ascensor dun edificio na rúa San Rosendo; e para unha demolición interior nunha vivenda na Cabeanca. Tamén se denegan 2 solicitudes de prórroga para iniciar obras e se acepta a renuncia dun particular á licenza de obra que lle fora concedida.

Patrimonio (5). Requirir 3 compañías de seguros para que aboen ao Concello as respectivas indemnizacións por danos causados a bens de titularidade municipal e estimar 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial

Infraestruturas (1). Recoñecer unha obriga a favor da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

Educación (3). Recoñecer 3 obrigas a favor do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, correspondentes a liquidacións das escolas infantís da rúa Colón, Barrocás e Centro interxeneracional.

Artes e festexos (1). Aprobar as bases do Concurso de Maios e coplas de 2025

Asuntos sociais (1). Rectificar un erro nun acordo da xunta de goberno do día 13 de febreiro, corrixindo o número dunha retención de crédito

Transportes (1). Prorrogar até final de ano os descontos actualmente vixentes no servizo de autobuses urbanos. Con este acordo, o prezo por viaxe coa Tarxeta Milenio ordinaria manterase en 0,31 euros (o que supón unha porcentaxe de bonificación do 50%) e o da viaxe coa tarxeta milenio para estudantes en 0,21 euros (cunha porcentaxe de bonificación do 51,16%). Os demais abonos non se rebaixan porque xa están bonificados ao 100%. Esta rebaixa dos prezos será co-financiada polo Concello e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, no marco das axudas aprobadas polo goberno español con esta finalidade.

Por outra banda, tamén no marco destas axudas, apróbase a gratuidade do servizo para a poboación infantil, até os 14 anos, desde o día 1 de xullo até o 31 de decembro (o que supón unha porcentaxe de bonificación do 100%)

Xestión económica e orzamentaria (2). Aprobar unha relación de facturas, correspondentes a gastos realizados no exercicio 2024 ou anteriores, que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no devandito exercicio. Tamén se aproba o proxecto de modificación orzamentaria 006-T/2025, utilizando a figura das transferencias de crédito, entre aplicacións de distinta área de gasto, por importe de 150.000 euros, que se destinarán a arrendamento de vehículos (50.000€), mantemento de hardware e software da Policía Local (20.000,00) e vestiario da Policía Local (80.000). O acordo elevarase ao Pleno da Corporación para que proceda, de ser o caso, á aprobación provisional da modificación proposta

Avogacía consistorial (13). A Xunta de Goberno Local deu conta de 4 sentenzas (2 delas ditadas polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 e outras 2 do número 2), e de 3 autos (1 do Xulgado de Primeira Instancia número 4 e 2 do contencioso número 2). Ademais, o Concello comparecerá en 5 procedementos diante dos xulgados do contencioso número 1 e 2, e nunhas dilixencias previas perante o Xulgado de Instrución número 1.

Alcaldía (1). Dar por finalizada a prestación do servizo de recollida de aceite vexetal de uso doméstico mediante contedores instalados na vía pública, actualmente prestado en precario pola empresa Green Ambiental, anteriormente denominada Procesadora Galega de Alimentos, en virtude do contrato asinado entre a mercantil e o Concello o 30 de xullo de 2013. Esta recollida está incluída nas prestacións do novo contrato de recollida de lixo e residuos urbanos, actualmente en fase de licitación, sen prexuízo de que mentres tanto se poida facer un convenio con outra entidade para este servizo.

Comparte este artigo